Proxectos de macho

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

01 oct 2021 . Actualizado a las 14:25 h.

Están á porta do instituto. Agrúpanse arredor dos móbiles, algún (non sei como) fuma, rin forte e amilánanse cando pasan as rapazas, de dúas en dúas, de tres en tres, coas longuísimas melenas de cores e os primeiros piercings. Todos os cursos parecen os mesmos, pois visten igual: os pantalóns frouxos, sudadeiras gastadas, cortes de pelo que protestan contra a estética capilar a que os obrigaron as nais ata hai máis ou menos un ano. Seguen sendo nenos, pero crense grandes por veren porno duro en Internet. E iso que, ao seu pesar, son virxes. Tocaralles nun par de anos ou tres, coas que ocupen o lugar das súas compañeiras de clase, esas que aínda van en primaria e agora ignoran. É a lei do instituto. Serán vinte, aproximadamente, e catro deles cren que a violencia machista é un invento de feminazis. Dixéronllo eles mesmos ao Barómetro Adolescentes e Xénero: o 20 % dos mozos entre 15 e 29 anos consideran que non existe a violencia machista.

Polo tanto, as miñas fillas e mais eu, rumbo ao colexio, pasamos a diario onda catro proxectos de macho para quen iso de que haxa mulleres asasinadas e violadas, ou simplemente, compañeiras súas incómodas coa maneira en que as controlan os seus mozos, é unha conachada. Polo tanto, catro futuros indesexábeis aos que as nenas terán que aprender a detectar e a non amar. Segundo o barómetro, o ano pasado eran dous. O ano que vén, por tanto, serán oito. E cando elas cheguen ao instituto, por tanto, compartirán aulas cunha maioría de machistas e, probablemente, fascistas, pois ambas categorías están emparentadas. Todos son covardes que non saben vivir nun mundo sen privilexios de machos.