Palabras para a cidade

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

25 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As palabras pensadas, escoitadas con oídos atentos, permiten que nos entendamos; a charla serve para amistar, para aproximarse, mentres a leria farta e incluso distancia.

Creo que as palabras que mellor axudan a entender a fenomenoloxía urbana son as dos pensadores e filósofos, novelistas ou poetas. Joseph Roth, que viviu en Berlín nos anos en que se incubaba o fascismo, distinguía entre as rúas nas que se malgasta e aqueloutras onde os moradores empezan a botar contas, para seguir camiñando por outras nas que se aforra ate chegar a aquelas nas que se gasta por casualidade. Trazaba así o continuo de plusvalías e rendas ao longo das rúas. Non hai que ser marxista para aceptar que, aínda hoxe, iso é así. Así mesmo, nos dous séculos pasados os proxectos ensanchistas e as grandes infraestruturas fragmentaron a cidade, pero pouco a pouco vanse interconectando as marxes das trincheiras e eliminando muros divisorios para restablecer a continuidade peonil e permitir a comunicación.

A pesar das tendencias de segregación social do capitalismo máis voraz, as rúas son aínda espazos comunitarios, superando a noción reducionista de espazo público como aquilo que non é privado. Son lugares civilizatorios, nin de dereitas nin de esquerdas, para a cidadanía e non só para a veciñanza, ese termo politicamente correcto que evita a asignación de xénero e ten un soporte local exclusivo, que non evoca o valor democrático de pertenza á cidade e a outros ámbitos relacionais que se comparten a nivel global.

Os arquitectos non podemos perder a visión da polis, porque creamos fachadas ás que se asoma a actividade das persoas, ventás que se iluminan, portais nos que se entra e se sae ate conformar ese lugar de tránsito que chamamos rúa. Por iso, a arquitectura é unha das profesións que máis interveñen na construción política da cidade. Parafraseando o que Keynes preconizaba para os economistas, o arquitecto debe ser, ademais, historiador e filósofo, falar con palabras sinxelas, contemplar o particular en termos do xeral e alcanzar o abstracto e o concreto co mesmo voo do pensamento, estudar o presente á luz do pasado e con vistas ao futuro.

O mesmo se podería prescribir para os edís, que dan prioridade á xestión do problema inmediato e adoitan eludir o pensamento global. Moitas veces prefiren as accións sectoriais baseadas en informes de expertos e recomendacións europeas, tantas veces descontextualizadas, que impiden abranguer a complexidade do fenómeno urbano.