Necesitamos prudencia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DPA vía Europa Press

Necesitamos a prudencia. Sempre é unha boa compañeira. Nunha conversa, nunha relación sentimental, ao volante... e para interactuar coa natureza. Os excesos nunca son bos conselleiros. Deberiamos coidarnos e coidar. Do medio ambiente en especial. Se seguimos a botarlle lixo ao planeta vai chegar o momento no que non poida equilibrar tanto refugallo e resultará inviable sobrevivir. Está deixándonos avisos continuos, algúns tan evidentes coma o cambio climático que, por moito que algúns se neguen a admitilo, xa se instalou hai algún tempo. Porque o máis preocupante de todo é que nos está indicando que a deriva de desleixo que seguimos non é aceptable. Pero o mundo... a facer oídos xordos.

Utilicemos a prudencia, tanto no aspecto xeral coma no puntual. Na época na que os temporais se achegan á costa, temo o momento no que os que queren ver a onda de preto se arrimen de máis á beira do mar. O océano pode papalos nun segundo. Non paga a pena esa foto en primeiro plano.

O mesmo ocorre na erupción do volcán que estamos a vivir estes días. Non hai necesidade de achegarse á lingua de lava, como vin facer, perigosamente, a algún reporteiro.

Non fai falta, de verdade. Entendemos a situación igualmente sen que se derreta a cámara ou se lle produza unha queimadura na pel a quen nolo explica.

Os problemas, as desgrazas... veñen soas. Non busquemos máis. Fagamos uso da prudencia e obedezamos aos especialistas. Así tamén os deixaremos traballar a eles con seguridade e sen crearlles obstáculos.