Siri non sabe falar galego

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

21 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É tan marabillosamente espontánea que Moraima, a neniña que intenta comunicarse con Siri en galego, tense convertido rapidamente nunha influencer da lingua asomándose, sen sabelo, ao conflito lingüístico. Porque o vídeo que xa temos todos compartido nas redes sociais amosa, coa dozura dunha rapaciña, a dificultade real de conversar coa asistente persoal. «Non me entendes. É que eu falo galego, sabes, Siri? Ti en que falas: en galego ou en castellano?», pregúntalle Moraima na procura de que a axude a recoller os xoguetes. E nesa incomunicación, tan real como triste, evidénciase a obviedade de que Siri ignora o idioma de Galicia. Un tren perdido, o das tecnoloxías, que xa tiña que estar a se mover a fume de carozo coa mesma normalidade coa que Moraima se comunica. Como tamén quererían facer os rapaces que bailan en Tik Tok ou ligan en Tinder. Esa é outra das tantas eivas que os galegos sufrimos co idioma, que desaparece alí onde tería que estar, como cando encendemos Netflix ou buscamos unha App calquera. Moraima, a diferenza de Siri, controla dous idiomas pero vese forzada a renunciar a un, ao de sempre, se quere conversar. Como terá que facer tristemente cando comece a súa escolarización cos demais nenos, segundo denunciaron seus pais: Moraima deixará de falar galego no cole porque alí non hai quen o fale. Sabes, Siri?