A «sala Rosón» no Parlamento

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

18 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Opresidente do Parlamento, Miguel Santalices, quixo dar nomes de galegos relevantes ás salas do pazo que acolle a institución e no mes de xullo presentou aos membros da Mesa quince placas cos de Castelao, Rosalía de Castro, Domingo Fontán, Isabel Zendal… Para a sala da Xunta de portavoces, onde se reúnen os xefes dos grupos políticos, levaba a de Antonio Rosón, presidente da Xunta preautonómica e primeiro presidente da Cámara galega; pero o BNG non a aceptou «porque está acreditada a súa participación no golpe de Estado do 36 e na posterior represión». Díxoo o deputado Luís Bará e, ao lelo, pensei: «este home ten que saber algo que eu ignoro, porque non podo imaxinar un deputado difamando a un presidente da Xunta e do Parlamento». Non era así. O BNG levou o asunto ao pleno e o deputado Bará repetiu o só de frauta que interpretara na Mesa, agora con trombón e desafinando máis e mellor: «Rosón dirixiu unha cruenta represión en Lugo co asasinato de, polo menos, 37 militantes e dirixentes republicanos».

O infundio non é novo. Publicárao a revista Interviú no ano 1978. Ían saír outros sobre o lehendakari Jesús María Leizaola e o honorable Josep Tarradellas; pero o reaxir enérxico do PNV e do catalanismo, cun mosén Xirinacs -monxe independentista moi popular- que dixo desafiante: «Que no nos obliguen a escribir en la arena», fixo que so saíse o do presidente galego.

Antonio Rosón non negaba o seu pasado franquista. En 1970 era procurador en Cortes e, ao defender o ensino do idioma galego nas escolas, empezou e rematou o discurso dicindo: «Yo, que soy un hombre del 18 de julio». Tampouco o negou na rolda de prensa que convocou no Hostal dos Reis Católicos para rexeitar as acusacións de Interviú; pero afirmou que nunca fixera mal a ninguén e que, como avogado, defendera nos tribunais a numerosos republicanos, comunistas, galeguistas e socialistas detidos en 1936. A presenza no hostal de Santiago Álvarez, secretario do Partido Comunista de Galicia, e de Anxo Guerreiro e Rafael Pillado, membros da executiva do PCE; e a cordial conversa que mantiveron con el ante os xornalistas, foi unha ratificación discreta e intelixente daquela afirmación. Tamén os escritores galeguistas Ramón Piñeiro e Ánxel Fole declararon á prensa que Antonio Rosón lles salvara a vida.

O esperpéntico do libelo estaba na relación de asasinados nas cunetas que seguían vivos e eran, ademais, amigos de Rosón os máis deles. A reportaxe de Interviú non hai por onde collela e por iso o deputado Bará non a citou e remitiunos ás informacións que na guerra e na posguerra dera o xornal El Progreso. Tampouco no Progreso hai nada comprometedor para Rosón, de aí que xornalistas vencellados a este medio, como José de Cora e Juan Soto, comenten ironicamente e ridiculicen estas aldraxes.

Proba de que Antonio Rosón non dirixiu ningunha represión cruenta está na carta que, en 1942, enviou ao xefe provincial do Movemento en Lugo, contándolle que o núcleo marxista agrario de Becerreá queimara 12 igrexas e fixera rexistros e detencións arbitrarios; pero conseguírase a pacificación «sin que se cometiese ni un solo abuso, pese a su energía».

Ao deputado Bará e, probablemente, aos deputados todos do BNG nada disto lles importe; pero debería. É cuestión de conciencia. De conciencia ética, claro.