Pero ao final, triunfou o amor

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

O antigo bispo de Solsona
O antigo bispo de Solsona

13 sep 2021 . Actualizado a las 10:38 h.

O máis bonito da historia do bispo de Solsona é o comunicado da Igrexa onde, con alivio polo motivo sentimental que provocou a renuncia do prelado, indican: «Queda claro que non é culpa da Igrexa nin de Deus nin do celibato -menos mal- senón do demo e a súa acción maligna». Ou sexa, Novell namorou do demo que, nun golpe mestre, se apropiaría da alma dun exorcista, por outra parte, controvertido cura machista e antiabortista, denunciado por homofobia e, enriba, independentista! Logo non parece tan terríbel que o demo o apartase dos púlpitos. Pois non: o papa reuniuse con el dúas veces para que se sometese a un exorcismo e seguise no seo de Deus. Loxicamente, o demo, en exercicio da súa posesión, díxolle que tururú, así que Francisco, dorido, vendeulle esa alma. Pero quen é a lurpia? 

Silvia Caballol é unha escritora «obsesionada con satán», segundo a páxina ultracatólica Germinans. O Abc só di que é unha psicóloga divorciada con dous fillos, que publicou un par de novelas eróticas, a segunda ambientada no mundo satánico. Sen dúbida, para a Igrexa, todo iso son síntomas demoníacos, e por iso emprega ao mesmísimo representante de Deus na Terra para negociar co diaño. Trabucámonos, coma sempre, quen non somos infalíbeis e só vemos aí o amor, tan teimudo e divertido. Todo pecado. A Igrexa xamais escatima esforzos en salvar ovellas. Pero a ver, estamos falando do papa: había que facer un exorcismo?

Cos correspondentes métodos medievais para o trato (ultra)ortodoxo da discolez, si. Por iso aquí cumpría un bonito rito con babas e latíns. Claro que o demo gañou, e Francisco o progre, (pero xamais feminista) pasou ao plan B, máis moderno: Yoko Ono. E o talibán, tan namorado coma indepe, agora parece un simple idiota.