No ronsel da desfeita

Justo Beramendi CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe estamos todos impactados polos feitos de Afganistán que, sen dúbida, cambiarán algo a xeopolítica mundial. Porén, é moi probable que, agás algunhas complicacións novas, se manteñan como até agora os caracteres maiores da política internacional da UE, dos que aquí salientarei dous. O primeiro é que, agás na súa dimensión económica, esa política é máis retórica que real, porque no importante seguen a predominar as decisións unilaterais dos seus membros máis fortes sobre as da Unión. O segundo é a supeditación da UE aos USA, nomeadamente nos escenarios que esixen contar cunha forza militar de primeiro nivel. A súa liberdade de acción exterior, agás no económico, só existe cando non entra en contradición co criterio ou os obxectivos do seu aliado maior. O acontecido en Afganistán dende o 2001 é un bo exemplo, dende por que entraron alí os países europeos e que papel xogaron, até como e por que saíron. Os USA tomaron todas as decisións importantes sen contar con eles: o pacto de Trump cos talibáns, o desmantelamento ás agachadas da base de Bagram, o anuncio de retirada de Biden e o posterior rosario de torpezas, manual completo da incompetencia. Triste papel de criados o dos países da UE alí presentes que, con todo, fixeron ao final todo o que puideron dadas as circunstancias. 

A causa principal desta impotencia da UE está na súa propia natureza, filla dunha xénese peculiar. Conseguir a unidade dende unha diversidade cainita de séculos non era doado. Ao cabo, naceu un xigante económico, pero non político nin militar, un artefacto unido só a medias, falto de cohesión e carente de unidade de acción e de instrumentos adecuados, sobre todo, cara a fóra. En parte, por poñer o carro diante dos bois na procura de anchear rapidamente o mercado a base de xuntar peras con mazás mediante ampliacións tan masivas como precipitadas como se fixo coa inclusión dos países do leste. Por non falar da pérfida Albión, que diría Franco. E daqueles pos estas lamas. E as que virán.

Debería cambiar isto, de xeito que a UE chegue a ter unha política internacional plenamente autónoma e acorde con eses valores dos que tanto alardea? Por suposto que debería. Vai producirse ese cambio? Non, polo menos nun horizonte temporal previsible. Para iso antes tería que ser unha auténtica Unión (federal). Entre tanto, seguirá apandando coas consecuencias de políticas exteriores alleas. No caso que nos ocupa, coa riada de refuxiados (que probablemente será menor que as xeradas en Oriente Próximo e África), cunha reactivación do terrorismo islámico no seu propio solo e cunha parte importante da factura da axuda humanitaria. Se cadra, nin sequera terá plena liberdade para negociar unha menor intensidade da represión talibán a cambio de desbloquear os fondos afganos no exterior ou doutras compensacións similares.