A primeira vez

OPINIÓN

Agostiño Iglesias

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Axiña hai que volver ao cole. Desta volta, o alumnado estará máis apegado, haberá menos profesorado e xa veremos se hai novas ondas. Malo será. O certo é que unha das paisaxes humanas que máis me gustan é ver os cativos acudir por vez primeira á escola con esa ruidosa e abraiada ilusión. É unha experiencia que abrangue a boa parte da familia. Ese intre en que poñen o pé no colexio coma se estivesen a pisar a area da praia é fascinante e case sempre fica gardado na artesa da memoria non só dos protagonistas, tamén na de pais e avós, ou mellor dito, nais e avoas, pois son estas as que, as máis das veces, adoitan acompañalos ese primeiro día. É certo que para moitos dos cativos é unha situación case traumática, porque supón deixar por unhas horas os vínculos afectivos coas persoas que coñecen e queren para pasar a compartilas con outros cativos descoñecidos en igualdade de condicións. Por iso, comprendo os laios, o medo, as perrenchas, pero tamén o entusiasmo por entraren nun mundo novo, onde comezan a medrar dun xeito máis autónomo e libre. Talvez guste deste día pola saudade de cando as miñas fillas deron ese paso. Lembro con orgullo e total nitidez eses días cando as avoas e as nais atendían a nenos que choraban a fío porque non querían entrar na clase. Alí erguíanse promesas teimudas para os convencer mentres as miñas pasaban para dentro todas espelidas. Eu debía de ser o único o home que había alí e saín co peito cheo cando unhas das mestras preguntou pola nai dunha miña filla e dixen que era eu. Aseguroume que podía marchar, que a nena estaba a axudala coas outras. Pensei daquela que todas as horas de gardería se cadra non serviran para evitar algún que outro arrefriado, pero si para facer dese día unha data memorable para o seu pai.