Pagos sen OBE

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

M. MORALEJO

26 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O verán de 2021 trouxo a Galicia a boa nova dos pagos reducidos da peaxe na súa autoestrada aórtica. Para conseguilos imponse o rexistro de pasos por ela dentro de cada xornada diaria. O máis doado para iso sería que todos os vehículos usuarios levasen un transmisor-receptor de radio capaz de conectar cos correspondentes da autoestrada. Mais seica hai grave escaseza deles, provocada pola dos circuítos integrados: en termos vulgares, faltan obes porque non hai chips.

Con todo, a onde non chega a radiotransmisión pode facelo a informática. Se os clientes da autoestrada usaren tarxetas nos dispositivos de pago automático, ficaría rexistrada a súa identidade e, coa correspondente aplicación no sistema xestor, a empresa faría a devolución do cargo polo paso en sentido contrario dentro da mesma data: ao reintroducir a tarxeta lograríase a redución do 50 % diario. Os que pagaren con cartos poderían facelo a un operador humano -ou a un autómata contador de diñeiro- que lles entregase un cartón con código de barras. Ao paso de volta, con introducilo nun dispositivo lector códigos abondaría para que a barreira se erguese sen pagamento. En calquera caso, a lectura óptica da matrícula serviría para evitar fraudes, e mesmo para non ter que parar ao retorno a introducir tarxetas ou cartóns.