De ovnis e abducións

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

21 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu vin un ovni. Foi unha noite, hai trinta anos, na autoestrada do Atlántico, mentres Xosé Luis Vilela, actual director de La Voz de Galicia, e eu volviamos de A Toxa a A Coruña. Vímolo os dous. Eu viña falando e calei cando apareceu no ceo un punto de luz brillantísimo que voaba cara a nós; tan veloz, que deixei de velo nun par de segundos. Volvinme a Vilela e díxenlle: «Iso era un ovni». Vilela respondeu: «Si». E aí morreu o conto.

Días despois fun invitado a un programa da TVG e coincidín con José Antonio Silva, presentador en TVE de programas como Informe Semanal, Redacción Noche e La víspera de nuestro tiempo. Silva alternaba o xornalismo coa aviación comercial e voara moitos anos en Trans Europa, Aviaco e Air Europa. Ocorréuseme contarlle o do meu ovni e sentinme como aquel veciño de Padrón que cando morreu e foi ao ceo, quixera impresionar a Noé falándolle das cheas do río na súa vila. Dígoo porque Silva me informou das súas experiencias con ovnis que o acompañaran en varias viaxes, pasando dun lado a outro do avión, desaparecendo e volvendo a aparecer. En definitiva, que da presenza no ceo de «obxectos voadores non identificados» non teño a menor dúbida. Outra cousa son as abducións. Fálase tanto delas que, esta semana, un neno de cinco anos fixo para min un debuxo con varios ovnis sobre unha cidade, e un deles abducía a un homiño que subía cos brazos abertos e escarranchado. Tamén correu polas redes a noticia de que no Ministerio do Interior se recibiu a solicitude de inscrición no Rexistro Nacional de Asociacións da Asociación de Abducidos por los Alienígenas España. Algo terán que ver, digo eu, os debuxos animados e o canal de televisión que leva anos mostrando, día tras día, vídeos de persoas que relatan como foron abducidos, en dura competencia por ver quen conta a trola máis gorda; pero entre tanta parvada hai dous casos que paga a pena comentar.

O de John Mooner, abducido en Inglaterra, en 1993. Di que aquela experiencia lle cambiou a vida, e di ben; porque se converteu en ufólogo de referencia mundial e vive como tal. O tipo, listo é. Cada abducido describía os extraterrestres como lle petaba: altísimos e fracos, ananos e cabezóns, semellantes a lagartos xigantescos… Un problemón para a credibilidade das abducións, que Mooner resolveu ao clasificalos en catro especies: Pleiadáns, Reptiliáns, Grises e Nibiruáns. Todos con distinta presenza, pero igualmente abducidores.

O do historiador español Eduardo Pons Prades, abducido nos Pirineos, en 1981. Escollérono por ser persoa honesta, ex combatente republicano na Guerra Civil e coa resistencia francesa contra o nazismo, para transmitir a través del un ultimátum aos humanos: ou as dúas grandes potencias deixaban de competir na fabricación de armas que podían destruír o mundo e pola militarización do espazo, ou eles conxelarían a vida neses países. Contouno no libro Mensaje de otros mundos, que non hai quen crea porque os extraterrestres eran máis anarquistas que Bakunin e o texto un manual de adoutrinamento. Deberíao facer co humor da inexistente Asociación de Abducidos de Compostela cando gravou, en 2010, un vídeo memorable que tivo centos de miles de visitas en poucas horas. Estas cousas hainas que contar entre risas. É o que procede.