Un PSdeG útil para modernizar Galicia

gonzalo caballero SECRETARIO XERAL DO PSDEG-PSOE

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas son as cousas que teñen cambiado co covid. Unha pandemia global mudou o mundo e puxo de relevo máis que nunca a importancia dos servizos públicos e da ciencia, así como da aposta pola solidariedade e o benestar e polas políticas económicas expansivas ao servizo das persoas. E nun mundo cambiante, ou somos resilientes ou non acertaremos.

Galicia afronta enormes retos para a reactivación. E non podemos perder esta oportunidade. Porque esta recuperación non só hai que abordala en termos de produción, emprego e cohesión social, senón que implica inescusablemente un reto modernizador que será fundamental para o noso porvir. Ou encarrilamos a década cun proxecto emprendedor e rexenerador que aposte pola modernización de Galicia ou estaremos novamente perdendo unha oportunidade.

Eu sei que a dereita cre que a inercia, a inacción, o facer as mesmas políticas conservadoras é suficiente se así consegue soster o equilibrio social e electoral que lle permite manterse no poder. E sei que o nacionalismo galego prefire aferrarse a un ideario que se mira no espello do independentismo catalán, que nada bo traería a Galicia. E é por iso que reafirmo o meu convencemento de que os progresistas galegos temos o deber de impulsar un proxecto modernizador e inclusivo para a Galicia dos vinte. E para iso é fundamental o PSdeG. Ou o facemos nós ou non o fará ninguén. E dende logo, nós estamos dispostos a facelo, traballando en Galicia, por Galicia e para Galicia.