Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Biles, a frouxa

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

DPA vía Europa Press

06 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A presión é un privilexio», di Djokovic a un reporteiro mentres un equipo de coachs agarda por el nalgún hotel de luxo. Precisa axuda psicolóxica desde que, en 2017, sufriu ansiedade, pero resolveu o que el chama «ese zumbido», aparentemente liberado do «mundo ao lombo» co que outros deportistas de elite se referiron ao seu tormento competitivo, todos os que non deron coa clave de Djokovic e acabaron deixando o deporte. O deporte, esa suma de competición, diñeiro e poder que premia a quen resiste e castiga a quen pon por diante a saúde. Non se me ocorre nada máis antideportivo. Pero nesta sociedade do éxito a toda costa, este case nunca depende do propio esforzo, e por iso o esforzo nunca abonda. Cómpre contentar aos demais de xeito perpetuo, e que este contento se converta en diñeiro tamén perpetuo. Por iso os deportistas son tristes Atlas, non Djokovics.

Simone Biles, a lendaria ximnasta que, por certo, foi abusada polo médico da federación estadounidense mentres a federación pasaba de todo, chegou a Tokio coa ollada do planeta na caluga e a saúde mental de calquera de 24 anos que se pon en perigo para cumprir cunhas expectativas que nin sequera son as súas. Por iso Biles demostra unha forza brutal ao expoñer a súa fraxilidade alí onde a forza se dá por suposta. E moitos, desde os sofás e as cervexas da sobremesa olímpica, insultárona. Chamáronlle frouxa, hai que amolarse.

Biles representa o drama de todas «as frouxas» que encaran cunha afouteza diaria o non se veren quen de subirse a unha barra ximnástica ou recoller aos fillos na escola. Con razón leva tatuado no ombreiro un verso de Maya Angelou: «E aínda así, érgome». Ao revés dos típicos afeccionados ao deporte de sofá e birra.