Laurence Griffiths / POOL

05 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña gana. Foi unha comida copiosa. Plena de diálogo. O primo Gerardo, que inventa o nome das xentes e que só pronuncia o que quere pronunciar (obvia nomes de difícil dicción), tivo a ocorrencia de cortar unha árbore antes do xantar, mentres as lapas ían consumindo a leña para se converter en brasa. O Gerardo non utiliza instrumentos extravagantes, iso afirma, a non ser que se trate dunha necesidade. Serrucho, serra, martelo, todo á man e sen necesidade de gastar tarifa eléctrica ou «gasolínica». E alí estivo, dúas horas, coa serra. Chegou o Manolo, á hora de comer. Entrou no garaxe, colleu a serra eléctrica e puidemos comezar a comida do domingo. O primo Gerardo dixo que non era o mesmo. Unha árbore cortada con serra eléctrica nunca podería ter a forma dunha árbore tradicional. Ninguén lle deu a razón. Polo tanto, cambiou de asunto. Falounos de John. Ninguén sabía quen era John. E volveu cambiar de tema. Díxonos que España xogaba moi ben ao baloncesto. Criticou a Marc Gasol, que estaba tan gordo que non collía un rebote. E despois dixo que Ana Peleteiro era unha fenómena. E que lle gustaría coñecela. A ver se vén un día por Verín e come connosco. A ver. Pero Ana Peleteiro, coa súa proeza, esvaeceu entre o misterio de John. O primo Gerardo quería dicirme que non podía, o noso FCB, deixar que se fose. Quen, preguntaba eu. El contestaba: «John». Dixen que faltaba algo na dianteira barcelonista. El contestou que igual si. Pero que non, a el non, a el nin tocalo. Eu non sabía de que falaba. Un dianteiro de nome dificilmente pronunciable que o Gerardo non quería mentar. Consultei Google. Preguntei: «Falas de Martin Braithwaite, Gerardo?». El só puido dicirme: «Eu chámolle John».