Vendaval Ana

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DYLAN MARTINEZ

02 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana voa sen ás. Elévase polo ceo e cae case a quince metros nun salto de tres apoios. Ana é a nosa atleta que acaba de agasallarnos un bronce en Toquio. 

Eu só son unha das moitas persoas que se mantivo pegada á pantalla da televisión agardando que a nomeasen.

Púxenme nerviosa cando a vin, seria, aparecer tras as bambolinas. Pensei, de inmediato, na fortaleza desa mente, desa cabeza, desa muller. Logo, ao pouco, Yulimar Rojas despregou a súa maxia e deixou paralizado o mundo. Como saír competir despois dese prodixio da natureza? Eu non sabería.

Pero Ana Peleteiro si. Por iso se foi superando e fortalecendo a cada intento.

Seria. Esixíndose máis cada vez. Ata chorar e facernos chorar ao conseguir a medalla de bronce.

Ana é un vendaval, un nordés, un vento mareiro con acento galego. Ana é natural e espontánea. Observala nas redes ou na televisión falando da comida, da familia, do seu adestramento é toda unha demostración de que os campións olímpicos tamén son humanos. Encantoume a súa aperta ao final da competición coa compañeira de adestramentos, a nova récord mundial. Encántame o seu feminismo claro e lóxico, a súa loita contra as causas inxustas, o seu galego cero artificial, o seu sorriso franco e sincero. Tamén a madurez e pouso cos que asume o seu poderío deportivo, unha moza cos pés na terra.

Grazas, Ana, polos valores que transmites e dos que fas gala. É tan importante e necesario ter referentes coma ti! Grazas tamén pola medalla, pero sen ela seguirías sendo a nosa campioa.