Máis formación profesional e menos universidade

Celso Currás
Celso Currás INSPECTOR DE EDUCACIÓN Y EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

OPINIÓN

Oscar Vázquez

24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O grande esforzo que está a facer a Xunta de Galicia desde finais do pasado século para potenciar a formación profesional, continúa a dar os seus froitos. Os titulados nela conseguen competencias cada vez máis próximas ás demandadas polas empresas e acadan porcentaxes moi altas de inserción laboral. En taxas de escolarización nesta modalidade educativa, Galicia atópase ben por riba da media estatal e en número de técnicos de grao superior imos na cabeza, só superados polo País Vasco. Contamos cunha boa rede de centros e de especialidades e desde o ano 2001, no que nacía o plan galego de FP, cun programa de coordinación dos subsistemas (FP do sistema educativo, de desempregados e de persoas ocupadas) que se levou á práctica coa creación dos centros integrados de FP e a potenciación da «FP dual», nacida en Alemania, que posibilita ao alumnado traballar e estudar ao mesmo tempo. Ademais, o próximo curso empezan a funcionar as «aulas de emprendemento», outra aposta da Consellería de Educación por achegar a FP ao mundo laboral, fomentando o autoemprego.

 

Pero a pesar do constante incremento de matrícula e do éxito de inserción laboral da FP, España segue a estar por riba da media da Unión Europea, e mesmo da OCDE, en porcentaxe de titulados universitarios, pero por debaixo no de ensinanzas de secundaria postobrigatoria. E dentro destas, a taxa de alumnos que optan pola FP tamén e inferior, debido ao maior prestixio social do bacharelato e sobre todo da universidade, aínda que a taxa de paro destes titulados estea moi por riba de tódolos países veciños e os salarios sexan máis baixos. Non é de estrañar, xa que logo, que medre o número de alumnos que ao remataren os estudos universitarios, optan por facer un ciclo superior de FP para conseguir traballo, cando tería que ser ao contrario: primeiro obter a inserción laboral e logo continuar estudando, pois cada vez existen máis facilidades para esta compatibilidade.

Para cambiar esta tendencia, o obxectivo esencial debe ser fomentar que os estudantes con aptitudes e vocación para profesións técnicas opten, despois da ESO ou do bacharelato, pola FP e aqueles aos que se aconselle estudos superiores, accedan á universidade. O grande erro, no que persistimos, é dirixir os primeiros cara a segunda opción, xerando frustracións persoais e profesionais e remando en contra dun mercado laboral, que cada vez demanda máis técnicos. A capacidade para o cambio está non só nas Administracións senón tamén no profesorado e mesmo nos empresarios.