Xustiza en democracia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Jesús Hellín

20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A bagaxe xurídica e xurisprudencial do Tribunal Constitucional do Reino de España é curta. Tan curta como que só ten catro décadas. Tamén adoita ser estreita cando, como é o caso da polémica sentenza sobre o estado de alarma, non atende máis que aos límites do campanario da súa parroquia estatal. Esa bagaxe podería ser longa e larga se o alto tribunal superase o adanismo tan propio desta democracia de se considerar primeira e única na historia española. Tribunais equivalentes doutros países democráticos adoitan remontar historicamente todo canto poden a súa xurisprudencia constitucional e os seus razoamentos xurídicos, ben para lexitimarse no pasado, ben para buscar inspiración e argumentos, ben para superar as inercias do tempo e abrir camiños de futuro. Tamén é habitual na xa longa experiencia de sete décadas da UE + CEE que os altos tribunais dialoguen directamente entre si ou a través da Corte europea e os tribunais internacionais. Nada de todo isto parece estar presente na sentenza na que o Tribunal Constitucional español responde ao recurso dun partido neofalanxista.

Manterse nesa curta e estreita bagaxe limita inevitablemente as posibilidades democráticas da xurisprudencia española. De tal xeito esa experiencia non pode ser democrática máis que no curto alcance de catro décadas, pero non pode negar o peso xurisprudencial e a memoria xurídica do franquismo previo, dos seus códigos, das súas sentenzas, das súas aulas e da súa cultura xurídica, inevitablemente tan arraigada como que é a inmediatamente anterior, as catro décadas que preceden a estas catro. Non folga dicir que había máis pouso e máis cultura xurídica da democracia republicana e do liberalismo hispano previo na década de 1980 que hoxe, aínda que só fora pola activa supervivencia daquela de persoeiros que, como Iglesias Corral (fiscal xeral da República) ou Manuel García Pelayo, primeiro presidente do Constitucional e moitos activos xuristas antifranquistas, impregnaron o arrinque do constitucionalismo.

A recente sentencia do Constitucional, con todo o seu razoamento e as elucubracións que o acompañan fala por boca propia do ensimismamento administrativisto do alto tribunal, no que parecen influír máis xuristas tecnócratas como López Rodó e os seus resesos conceptos sobre a orde pública, moi discutibles dende unha concepción democrática liberal, que Montero Ríos. Parece pesar moito nos xurisconsultos constitucionais a Lei de Procedemento Administrativo, que tivo a misión imposible de intentar evitar a arbitrariedade nunha ditadura e a Lei Orgánica do Estado, que tivo aínda a máis imposible de construír a ficción dun Estado de dereito nun estado nacido sen dereito dun golpe militar. Como dixo un sabio colega, o sábado pasado cumpríronse oitenta e cinco anos de que os partidarios da lei sen democracia quitaran o seguro das súas pistolas.