Fuxir das carnes procesadas e declaracións irresponsables
OPINIÓN
Dende a Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega levamos anos traballando para a recuperación dunha raza eminentemente produtora de carne. O traballo e o esforzo diario dos nosos gandeiros está enfocado a produción da carne de calidade procedente dunha raza autóctona que fai aproveitamento dos recursos naturais do terreo mediante pastoreo.
Numerosos profesionais da saúde afirman que o consumo moderado de carne de vacún non incrementa o risco cardiovascular, sempre e cando se escollan pezas magras.
A carne de Rubia Gallega é precisamente unha das carnes máis magras do mercado, e existen estudos que apuntan que a nosa carne presenta perfiles de ácidos graxos ideais que amais de repercutir positivamente nas súas características organolépticas poderían ter propiedades beneficiosas na protección fronte a enfermidades cardiovasculares.
Podemos dicir, polo tanto, que a nosa carne é un dos produtos máis saudables da gama dos vacúns. E a mellor proba disto é que se trata dun produto cada vez máis recoñecido non só por restaurantes e cociñeiros, senón tamén polas grandes cadeas de supermercados e, por suposto, polos consumidores.
Recordar ademais que a carne de vacún é un alimento rico en proteínas de alto valor biolóxico que aporta vitaminas do grupo B e minerais como o ferro, potasio, fósforo ou zinc, fundamentais para o crecemento na idade infantil, nos maiores ou os deportistas.
Segundo o director xeral da Fundación Española de Nutrición, o consumo medio de carne dos españois axústase ao recomendado e o que si deberiamos facer e fuxir das carnes procesadas con máis sal e graxa e potenciar o consumo de carnes magras, nas que encaixa perfectamente a nosa.
Por iso consideramos cando menos desafortunadas as declaracións do ministro de Consumo, nas que animaba á cidadanía a consumir menos carne, unha afirmación que afecta directamente aos gandeiros e máis aínda á nosa comunidade, unha rexión eminentemente gandeira, con máis de 20.000 granxas destinadas á produción de carne.
Cremos ademais que as administracións públicas, como o Goberno central e neste caso o Ministerio de Consumo, deben estar ao carón destes sectores, facilitarlles o seu traballo e contribuír á súa expansión, e non facer declaracións irresponsables.
Pedimos por tanto máis responsabilidade e fundamento á hora de emitir estas afirmacións que tanto dano poden facer a un sector que xa está atravesando unha importante crise.