O destino pedagóxico do «pazo» de Meirás

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

07 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Preto da vila de Sada, a poucos quilómetros da cidade da Coruña, atópase este «pazo» do que foi dono e señor, desde 1938 a 1975, Francisco Franco, citado, en certos países avanzados, como o último xefe de Estado de fasquía fascistoide; desde 1975, seguírona ocupando a filla, o xenro, os netos e os bisnetos que, xente de fusta, touradas e cacerías, cun fato de achegados da súa feitura espiritual, encheron de cabezas de cervo e trofeos semellantes as paredes dalgúns salóns daquelas Torres nas que unha intelectual insigne, chamada Emilia Pardo Bazán (1851-1921), escribiu páxinas literarias memorables e conversou con non poucas mentes ilustradas da súa época.

Pero as Torres de Meirás, construción que naceu como fogar para a produción cultural, para a conversa culta e intelixente e para a controversia civilizada, foi a mansión de verán dun déspota do país que, para darse pote nobiliario, chamoulle pazo e non Torres de Meirás, que así as bautizou a súa primeira dona e deseñadora.

Aínda non se escribiu polo miúdo a historia de como o «pazo» de Meirás pasou ás mans dun xeneral colega íntimo de Millán Astray, aquel que, en Salamanca, aturuxou, con música lexionaria: «¡Abajo la inteligencia y viva la muerte!». A nobre mansión non foi, motu proprio, un agasallo do pobo galego. Certamente, era un pobo aterrorizado, pero non estaba tan envilecido. Aínda así, Franco aceptou ser un okupa daquela ilustre mansión, animado ou empurrado por comenenciudos e botafumeiros que devecían por unhas farangullas de poder e unhas migallas de lucro. En realidade, cómpre, canto antes, termos noticia precisa do nome e dos apelidos destes lacaios aproveitados. Sábese algún, entre eles o daquel magnate que portaba na súa onomástica un cacofónico octosílabo digno de figurar en romances, como así foi tempo despois.

O «pazo» de Meirás, no futuro, nun futuro moi próximo, debe ser un lugar de memoria: da memoria literaria de Galicia (e do mundo) centrada na figura eximia de Emilia Pardo Bazán, e da memoria política, centrada nun capítulo moi significativo da represión franquista, capítulo que, en ocasións, se mesturou co acontecer literario. Abonda con lembrar a escena (aínda non ben investigada) na que a «dona» do «pazo», Carmen Polo de Franco, queimou -ou vendeu-, entre outros escritos, as cartas de don Benito Pérez Galdós a dona Emilia.

Ese, na miña opinión, debería ser o destino das Torres de Meirás, que Franco e os seus interesados corifeos chamaban pazo. Imponse que sexa un museo concibido en termos moi pedagóxicos para que os miles de visitantes, na súa maioría escolares, se decaten de que, nese lugar, déronse cita, nun intre estúrdigo da historia, a civilización e a barbarie, a palabra esclarecedora e a espada brutal, a intelixencia solidaria e o medo e a submisión. Cómpre, pois, que os netos e os bisnetos de Franco e mais os seus conmilitóns non condicionen a feitura intelectual dun museo chamado a ser unha lección de cultura e un alegato pedagóxico contra a represión.