Ence: entre sentenzas e acción política

Jacobo Feijoo Lamas TRIBUNA

OPINIÓN

CAPOTILLO

Para mañá espérase a votación da Sala da Audiencia Nacional que ten a responsabilidade de resolver o recurso contencioso administrativo contra a concesión da prórroga para a permanencia da fábrica de Ence nos terreos de Costas en Lourizán.

 

Sexa cal sexa o contido da sentenza, dado que cabería recurso fronte a mesma, todo indica que non vai ser o final da incerteza para as aproximadamente 800 familias da comarca de Pontevedra, e 5.000 de toda Galicia, que dependen para o seu sustento da actividade desta factoría, polo que aínda non estaríamos ante o final deste proceso xudicial.

Nunca se debeu de ter chegado a esta situación na que xa todo depende de resolucións xudiciais, que poden ser favorables ou adversas para a continuidade da actividade empresarial, pois debeu de mediar unha solución coa suficiente solvencia e seguridade xurídica para permanecer nunhas 45 hectáreas de superficie pública que sosteñen 5.000 empregos entre directos e indirectos. Habería maior utilidade social a día de hoxe para uns terreos públicos?

O certo é que dende o sector forestal galego miramos con moita preocupación cal pode ser o futuro inmediato da que é a principal empresa tractora do noso sector en Galicia, polo seu nivel de emprego, facturación, e compras de madeira no rural galego que só neste capítulo supera os 200 millóns de euros, que van directamente as rendas de familias do rural e comunidades de montes.

Pero si como todo indica, entre a próxima sentenza do día 22 e os dos previsibles recursos á mesma, pode mediar un intervalo de tempo significativo, parece que sería o momento de que a política con maiúsculas, entendida no seu máis nobre significado de «arte do posible», colla as rendas de poñer racionalidade a este proceso para dar unha saída razoable ao futuro desas 5.000 familias. E aínda que desexamos unha resolución favorable, si realmente a fábrica non puidera continuar en Lourizán porque así o ditaminará finalmente a xustiza ao final deste proceso, haberá que ter previsto ese escenario dun xeito realista que non implique o peche irreversible desta actividade empresarial.

Mañá, con independencia do resultado provisional da sentenza, ten que ser o punto de inflexión onde todos os implicados utilicen o tempo precioso que poida mediar ata a resolución xudicial definitiva, para traballar nunha solución que evite que destruamos un dos actuais piares do sector forestal galego, por falta de intelixencia, xenerosidade e altura de miras. O futuro de 5.000 familias galegas e de boa parte das rendas dos propietarios forestais do rural galego, ben merece o esforzo.