Indultos e problema catalán

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vale, xa me decatei. Pedro Sánchez é un cantamañás que hai tres anos acusaba aos dirixentes independentistas cataláns de cometer un delito de rebelión, estaba polo cumprimento íntegro das penas que lles caesen no procés e prometía traer a Puigdemont polas orellas; e agora, para seguir na Moncloa, o moi cabrón cuestiona a sentencia do Tribunal Supremo que os condenou a anos de cárcere, proclama que España e os españois temos un problema político con Catalunya e quere resolvelo cos indultos.

Eu tardo en entender porque penso en tres direccións, pero despois de oír a socialistas egrexios como Felipe e Guerra; aos líderes dos partidos da oposición e, sobre todo, despois de ler centos de artigos de ilustres columnistas, entendino e téñoo clarísimo: O Govern e o Parlament de Catalunya vulneraron a legalidade e o Goberno de España actuou como debía, aplicando o artigo 155 da Constitución. Os delitos dos dirixentes independentistas foron tan graves, que o fiscal xeral do Estado acusounos de «rebelión», o mesmiño que a Tejero.

E aí estaba eu gozando da paz interior que dá coñecer as cousas importantes, cando o trasno burlón que me persegue desde neno bisbiseoume na orella: ­-E que din en Europa? Amoloume, porque xa cando o xuíz Llarena pediu a Bélxica e Alemania a detención e entrega de Puigdemont, a Xustiza belga respondeulle que o entregaría para que fose xulgado por delitos de malversación e desobediencia, non por rebelión; porque non vía motivos. A alemana foi aínda máis categórica: «No ámbito democrático europeo, a folla de ruta dos independentistas cataláns non pode equipararse cun delito de rebelión». Llarena colleu un rebote e retirou a orde de detención.

Non houbo condena por rebelión, senón por sedición, que é menos grave. Pois aínda así, a Comisión Internacional de Xuristas, con sede en Xenebra, formada por 60 xuristas de todos os países do mundo, descualificouna e recordou a España as súas obrigas respecto ao dereito internacional. Home, eu sei que Martín Pallín, maxistrado emérito da Sala do Penal do Tribunal Supremo, di que a imputación foi un acto de «prepotencia xudicial propio de épocas autoritarias e vedado polo noso sistema democrático»; e que para Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Sevilla, a sentencia do procés é unha monstruosidade xurídica, que pon a Xustiza española ao nivel das de Rusia, Hungría ou Turquía; pero esas son cousas da roxería. O grave é que o Consello de Europa vai debater en asemblea parlamentaria, o día 21, un informe do Comité de Dereitos Humanos no que se di que os independentistas cataláns foron condenados por expresar ideas políticas e avógase pola súa excarceración. Peor é que o informe vai ser aprobado e os condenados, indemnizados polo Estado.

Que diremos, entón, os convocantes do acto na praza de Colón, os columnistas que esgotaron os descualificativos contra os golpistas cataláns e o Pedro Sánchez vendepatrias, os persuadidos por eles? O meu trasno, que é gran imitador de voces, leva días mareándome co mesmo retrouso: «Españoles, las agresiones que sufrimos del mundo exterior son conspiraciones político sociales tendentes a destruir la unidad de la patria. Nos honran y les envilecen». Igual vale.