Hai tempo que veño pensando que a fin da pandemia só podía pasar pola vacinación masiva. Como seres individuais cometemos moitas incongruencias. Queremos acabar con este secuestro social pero, en canto nos abren un chisco a porta, botámonos a perder. Sacamos a máscara, facemos congregacións masivas, non respectamos as normas... temos memoria de peixe, vaia.
Por iso agardaba con ansia a vacina. Por iso, tamén, a industria se enleou nunha guerra por conseguir un antídoto contra o covid á maior velocidade. Eu, que cos anos aprendín a ser menos impulsiva e xuntar paciencia, nalgún momento me pareceu que perdiamos de vista o obxectivo primordial, o de atopar un fármaco competente, polo ímpeto de facelo primeiro, o que reportaría moitos beneficios.
Con todo, aínda que quizais algúns pasos se acelerasen, o protocolo foise cumprindo e a ciencia deu avanzado para salvarnos.
Non pensei que a estas alturas xa se comezaría a falar da data na que me chamarían a vacinar. Estou contenta. Irei, responsablemente, por min, pero quizais máis polos que me rodean. Protéxome e protéxoos. Que vacina me van poñer? Nin o sei nin me preocupa. Igual que nunca coñeceron meus pais a marca que había detrás da que os protexía da gripe, nin elixín o laboratorio das que merco para as miñas fillas. Alguén reparaba niso? Non nos favoreceu nada este «exceso de información», creando dúbidas e sementando medos innecesarios. Por esta vez prefiro seguir o instinto de responsabilidade a calquera outra opción.