Que ofrece o PP de Pablo Casado?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

DAVID MUDARRA / PP

01 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un goberno cos neofalanxistas de Abascal, Espinosa, Monasterio e Ortega, por orde alfabético. Iso é o que ofrece hoxe Pablo Casado de ter unhas eleccións ás que presentarse. A liberdade de tomar cañas en Madrid parece depender desa maioría, como a de tomar o sol en Andalucía ou a de erguer os pasos de Salzillo en Murcia. A fuerza nueva da que falaba o Decreto de Unificación que reduciu a unha soa todas as forzas políticas da dereita española na Guerra Civil nunca tivera tantos votos nin tanta opción de gobernar en democracia. Pobre oferta a deste PP para unha sociedade que se di moderna e que pugna moi maioritariamente a prol da democracia,

Pablo Casado ten ansia de eleccións pero non pode convocalas, nin ten sequera capacidade de presión para provocar a súa convocatoria. Mellor, porque o que traen os seus aliados é conflito social, negocio fraudulento, fundamentalismo relixioso e imperialismo cultural sobre os que non son nin pensan coma eles. Racismo tamén. O mitin de Ceuta lembra aqueles de D'Annunzio e Mussolini en Fiume, pero a axitación escadrista ten hoxe vías diferentes. Conta tamén con ilustres despistados, como no seu día foi o grande Benedetto Croce. A idade e os intereses mal levados non perdoan aos que pensan que teñen o mundo na cabeza cando ese mundo xa non existe. Iso é o que me evoca escoitar ultimamente a algúns socialistas da Transición. Tamén obrigan a pensar que rachar co socialismo do exilio, sendo imprescindible para avanzar en 1975, non se fixo sen custes en cultura e valores.

O PP é un gran partido, tan grande, plural e complexo que no seu seo contiña unha dereita moderada nalgunhas cousas, chamada Ciudadanos, que logrou desenvolverse con perfil propio e que, pese aos seus desatinos, aínda goberna cos populares en Castela e Andalucía. E outra dereita extremista e carpetovetónica con nome de Diccionario de la Lengua Española que pugna por gobernar e que sen facelo está condicionando ao PP dunha forma impropia para o que o PP é por exemplo en Galicia. Expresou ben a diferenza entre uns e outros ese conselleiro ceutí que na súa desesperación polo racismo dun deputado de Vox alcumouno de fascista. Unha parte da esquerda afirma, e o peor é que está tan convencida que non precisa argumentalo, que o PP e os neofalanxistas son o mesmo. Estou certo de que están errados, pero sobre todo confío en que se demostre co tempo.