A deconstrución do odio

OPINIÓN

JON NAZCA

28 may 2021 . Actualizado a las 07:45 h.

O mundo tamén se constrúe con xestos e imaxes que adoitan converterse en símbolos, coma o caso de Luna, esa voluntaria da Cruz Vermella que consola un migrante en Ceuta e desatou unha enxurrada de comentarios nas redes, os máis deles de aplauso, pero tamén algúns racistas e machistas, cargados de odio, coma os de Cristina Seguí, a fundadora de Vox, que fixo que Luna optase por pechar a súa conta nas redes, abraiada por tanto desprezo. Nin que dicir ten que o acto desta rapaza humaniza a traxedia, alimenta a esperanza, move o mundo cara á empatía e fai que moitos nos sintamos representados por ela. Pero tamén volve poñer no foco a impunidade dunha parte da ultradereita que ergue o seu odio con insultos e mentiras, arrimándose a unha identidade monolítica e visceral. É certo que entrar na pelexa dialéctica con eles é caer na súa rede, darlles sentido de ser a quen se atopa cómodo no debate exaltado e só quere o protagonismo para envolver a propaganda enganosa das súas ideas mesmo violentas. Pero, por moi esgotador que sexa, non só para a esquerda, senón tamén para a dereita democrática, non podemos abandonar os discursos máis sofisticados para entrar nesa pelexa vulgar. Hai que aproveitar todos os espazos para argumentar porque é aí onde se pode desmontar a súa estratexia, que sintetiza sentimentos e ideas complexas en imaxes perigosamente simples. Na razón é onde está a súa maior debilidade. Non hai que sacrificar o discurso para poñerse á altura deles que rexeitan as profundidades dialécticas. Hai que obrigalos a argumentar para chegar ao fondo escuro que acubillan as súas mensaxes fanáticas. Non hai outro camiño, porque as mellores armas seguen a ser as palabras e imaxes como as de Luna, que son o líquido amniótico ideal da democracia e da solidariedade.