Ter corazón sae caro. É ben máis sinxelo ser insensible e deixar morrer de sede, fame ou esgotamento ca anicarse para dar a man. E non, non é ironía.
As imaxes dunha voluntaria da Cruz Vermella axudando a un migrante en Ceuta están a dar a volta ao mundo. Valorando o xesto? Si, mais tamén luxando a imaxe.
En que mundo vivimos? Que sociedade estamos a construír?
Recapitulemos. O mozo chega á praia completamente exhausto. Apenas pode terse en pé. Un dos seus compañeiros debátese, á beira do mar, entre a vida e a morte. Non hai consolo. Como o vai haber?
Nesa mesma area, varios voluntarios, lonxe de identificarse con idearios de Goberno ou adoutrinamentos, prestan axuda humanitaria. As condicións nas que ven chegar os inmigrantes son inmensamente precarias.
Neses momentos de desesperación, un vaso de auga é tan vital coma unha mostra de afecto.
Migrante e voluntaria apértanse. A aperta representa a loita por sobrevivir, unha forza natural á que todos nos agarramos de xeito instintivo, un pulo innato que non entende de razas, fronteiras, países ou sexo. É, simplemente, a vida.
Se fose eu a que estivese alí, tamén o apertaría, coa diferenza de que, posiblemente, non daría aguantado as bágoas, derrubaríame no chan canda el.
Hai unha grandeza especial no corazón dos voluntarios, unha fortaleza e un valor especial.
E xusto por iso, foi insultada ata necesitar apoio psicolóxico.
Nin el nin ela son os que teñen que avergoñarse. Iso é para os insensibles que mesturan bondade con podremia mental.