Virus, SMS e WhatsApp

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

A. Pérez Meca | Europa Press

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Avanza a vacinación contra o covid-19 e unha compoñente crítica para ese avance é a telemática (en paralelo coa loxística, á súa vez dependente da telemática). En Galicia moitas persoas recibiran as doses completas da vacina e teñen o correspondente certificado en formatos textual e QR, que, capturado no teléfono móbil, abonda como salvoconduto.

Ora, quen xa pasou polo proceso tendo coñecementos telemáticos puido observar que na xente maior falta moita práctica de «informática do móbil», e que a poboación que si ten tal práctica enfronta un problema: para ela o sistema de mensaxería SMS decaeu a residual; só está pendente do WhatsApp, que se converteu no xeneralizado.

Porén os avisos para a vacinación son feitos por SMS, ao que atende pouca xente de calquera idade, e os anciáns mal entenden. Aínda máis, os avisos por esa canle veñen ligados a un código persoal QR. Este código facilita moito o proceso logo de que se estea no centro de vacinación, mais moitos usuarios nin saben o que é, non o descargan e así fan lento o traballo dos sanitarios. Con todo, a peste non acabou e as vacinacións han seguir. Ante isto, é imprescindible unha didáctica para as circunstancias, a exercer por administracións en colaboración con profesionais das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC): ollo ao SMS e á descarga do QR persoal.