Cara a cara

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

22 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cara a cara nas colas da pandemia, agardando a salvífica vacina, intercambiamos miradas silentes. Descóbrese a idade de cadaquén nesa ocasional rúa interclasista, unha multitude de persoas que veñen do centro, de barrios e poboacións diversas, acrecentada polos acompañantes que se esforzan en explicar, os netos ás avoas, as fillas aos pais, o enigma inescrutable do código QR. Esperando a miña vez, reflexionaba en torno á gobernación do espazo público agora que é obrigado circular nas rúas a 30 ou a 20 quilómetros a hora, velocidade máis axeitada ao uso peonil, e pensaba que nas plataformas compartidas de persoas e vehículos múltiples é necesario establecer prioridades, primeiro a xente maior, os menores e as que teñen problemas de mobilidade, e logo todo o demais; senón poderán ser conflitivas. Non moi lonxe, do outro lado da Cidade da Cultura, atopámonos cara a cara co poder nos rostros enigmáticos do Faraón. A exposición convídanos a deslizarnos polas sucesivas culturas que se solapan no Exipto milenario onde, parece ser, os que traballaban non só eran escravos sometidos a golpe de látego, senón tamén individuos que entregaban voluntariamente o seu esforzo a maior gloria do faraón-deus. A mostra está moi ben concibida, didáctica e sen medo ao baleiro, como debería ser sempre a museografía, non estática senón dinámica, seleccionando as pezas e os discursos.

Ao chegar a casa, na televisión, enfróntanse cara a cara os líderes do Parlamento español, que teiman en maltratar a palabra para non escoitarse nin responderse. Latrican, non parlamentan. Os deputados que os rodean asenten coa cabeza e aplauden como autómatas, aínda que non digan nada, porque falan só para os entusiastas do partido. Lembro que, cando fun deputado por un escaso tempo, adoitabamos descansar nunha pequena sala enriba do hemiciclo, pero cando tomaba a palabra calquera portavoz ou líder de nivel, e eran bastantes, baixabamos a présa para escoitalos. Pero os tempos, sinxelamente, son outros.

Preocúpame que o intelixente alcalde de Vigo, que foi quen de espertar o orgullo vigués, no cara a cara coa Xunta implique a Compostela, coa que tivo sólidos vínculos profesionais e políticos, e que dalgún xeito poida turbar as boas relacións entre cidades e cidadáns que tanto se estiman desde sempre. Os respectivos alcaldes deberían encontrarse, quer en Raxoi ou no Castro, aclararen o malentendido e, de paso, falar da concertación do sistema urbano galego e da súa relación coas cidades portuguesas.