Vivamos o galego

OPINIÓN

Manifestación polo Día das Letras Galegas organizada por Queremos Galego en Santiago, en el 2019
Manifestación polo Día das Letras Galegas organizada por Queremos Galego en Santiago, en el 2019 Paco Rodríguez

17 may 2021 . Actualizado a las 10:50 h.

Cando Rosalía de Castro, o 17 de maio de 1863, publicou Cantares Gallegos estaba a asentar as bases do rexurdimento dunha lingua que durante séculos fora reducida á comunicación oral e excluída dos mecanismos que conforman a cultura en sentido amplo e globalizador. Aquel libro de versos que foi editado en Vigo, no prelo de Juan Compañel, marca o intre fundacional dun novo xeito de vehicular identidade e creatividade para o noso pobo. Dende aquela, con altibaixos, con mordazas como as que supuxo a «longa noita de pedra» que versaba Celso Emilio, e coa normalidade que supuxeron as institucións democráticas e de autogoberno desde os oitenta, chegamos a un tempo no que facer balanzo e procurar que ese patrimonio único, histórico, teña un futuro asegurado.

Precisamente por iso, cómpre ter en conta as advertencias das institucións europeas en relación a que, entre a mocidade, o galego vai perdendo terreo, precisamente cando máis medios hai para a aprendizaxe de idiomas e máis interaccionamos con outras linguas coma o inglés ou o castelán.

Saber, querer e usar o galego non só é compatible coas competencias noutras linguas, senón unha porta aberta ao mundo que nos facilita a comunicación con millóns de cidadáns lusofalantes.

Cando a nosa lingua sofre riscos e retrocesos é importante reforzar e trasladar o noso compromiso co galego para que non esmoreza e para que sexa unha lingua viva. Porque, como deixou escrito Castelao, «se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma», e porque sen unha lingua propia forte, coidada e ben tratada a nosa cultura caería nun pozo de difícil recuperación. Se debemos valorar como patrimonio universal a catedral de Santiago, a torre de Hércules, a muralla de Lugo, as Illas Cíes, a Ribeira Sacra ou a ponte romana de Ourense, mais cabe defender e valorar a nosa lingua como o maior patrimonio cultural de todos nós, de tantas xeracións pasadas, presentes e futuras.

«O idioma é o principal signo dunha cultura», reflectiu tamén Xela Arias, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, dende o convencemento de que «un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura». E temos claro que crises como a que estamos a vivir requiren dunha aposta decidida das administracións por mecanismos de apoio e estímulo que contribúan a manter a necesaria actividade cultural, así como dun compromiso cun galeguismo inclusivo que nos permita avanzar a través do amor e o agarimo polo que nos é propio.

Xunto á defensa da nosa lingua e as nosas letras, non debemos esquecer que ata o de agora só seis mulleres protagonizaron a celebración do Día das Letras, que este ano chega ao número 59.

Nunha terra como a nosa, de mulleres creativas, fortes, loitadoras e de grande intelixencia e sensibilidade como foi Rosalía, como foi Xela Arias, todos e todas temos que seguir comprometidos a recoñecer a súa valía e a súa aportación.

Hoxe, nunha data para honrar tamén a todos quen loitaron antes que nós comprometidos por unha Galicia próspera, anovada e con futuro, os galegos e as galegas ratificamos o noso compromiso coa nosa lingua, coas nosas letras e coa nosa cultura. E porque sabemos que as linguas non se impoñen, cómpren políticas de discriminación positiva cara o galego, de apoio ás nosas letras, de revitalización do sector cultural galego; accións que favorezan dinámicas positivas de uso e futuro para o galego. E para iso necesitamos que os nenos e as nenas de toda Galicia, a galeguidade do futuro, sintan hoxe agarimo polo galego. Ofrezámoslles en galego aquilo que demandan en literatura, en cine, en televisión, en videoxogos, en música, en arte: será o xeito de aproximalos á lingua. E tamén para iso requírense apoios ás industrias culturais galegas.

Cun galeguismo inclusivo, aberto ao mundo, e cun compromiso que Ceferino Díaz soubo reflectir moi ben nunha frase: «Galicia primeiro e Galicia sempre». Longa vida á lingua galega!