Edición aberta

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco antes de irse en 1979, Eduardo Blanco Amor escandalizábase oíndo falar de novelas feitas con ordenador a quen isto agora teclea; non comprendeu as vantaxes dos primitivos programas editores: só entendía da Remington e o folio. Corenta anos despois habería que ver o seu susto ao escoitar que hoxe un escritor pode suplir as funcións da editorial en calquera lugar, para recibir axiña a proba impresa da obra, antes de lle dar o «imprímase» a unha empresa de difusión e distribución global.

 

Avances tecnolóxicos imparables puxeron en cuestión a relación autor-editorial-distribuidora-librería-lector. Aos campos non se lles pode pór valados sen cancelas, e menos en termos da sutil informática telecomunicada. Está en marcha unha revolución na que ha sobrevivir só quen se saiba adaptar a ela. E ten vantaxes: por exemplo, matou o concepto de «edición con data». Non hai escritor que fique totalmente convencido da súa obra; sempre quere mellorala e a comunicación pola Internet facilítalle a «edición aberta». En calquera momento pode acceder ao texto almacenado nun servidor da web e retocar nel o que lle pete. Revisa, comproba que o paxinado se reaxuste e déixao pronto tanto para a edición dixital como para a edición en papel baixo demanda. Velaí: bendita telemática ao servizo da literatura.