Unha nova Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

Carteles contrarios ao Estatuto de autonomía cando se presentou cos primeiros recortes
Carteles contrarios ao Estatuto de autonomía cando se presentou cos primeiros recortes ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

Se collemos o país entre todas nas nosas mans, estou segura de que temos por diante un futuro cheo de ilusión e liberador

07 ago 2023 . Actualizado a las 08:55 h.

Vivimos tempos de emerxencia marcados por unha pandemia que ameaza vidas, expectativas, proxectos, certezas, dereitos… En momentos históricos como este é cando emerxe con forza a necesidade da política con maiúsculas. A política entendida como contraste de ideas e proxectos que nos permitan construír un mundo mellor.

Neste contexto asistimos ao 40.º aniversario da promulgación do Estatuto galego, que nos obriga a unha reflexión sobre estas catro décadas, mais sobre todo que futuro queremos ter, que Galiza queremos deixar ás xeracións que veñen detrás.

Sobre o pasado, tres reflexións. Primeira: o Estatuto non foi solución aos nosos problemas estruturais. Aí temos unha crise demográfica cada vez máis aguda, a emigración, a precariedade, as baixas pensións ou o espolio dos nosos recursos como mostra evidente das limitacións. Segunda: non podemos desligar o Estatuto do marco do réxime do 78, desenvolto de acordo coas elites franquistas, reconvertidas de repente ao autonomismo sano y bien entendido. Terceira: estamos ante un modelo baseado nun centralismo -cada vez máis madrileño!- que, convén lembrar, naceu con escaso entusiasmo nun referendo no que só participou un 28,3 % do censo electoral.

Antes da pandemia, Galiza xa sufría un declive político, económico e social, sumida na irrelevancia no escenario estatal, na precariedade cultural e lingüística… Este devalo subliña o esgotamento do marco autonómico e a responsabilidade dos gobernos do PP, que nin sequera foron capaces de pelexar e lograr o pleno desenvolvemento do Estatuto, demandando transferencias pendentes e procurando a equiparación de Galiza con Euskadi e Catalunya.

Mais agora toca mirar ao futuro. Se antes do covid estaba claro que nos quedaba pequeno un traxe deseñado 40 anos atrás, agora resulta evidente que precisamos unha fórmula nova. Estamos en 2021, non en 1981. Hoxe hai grandes debates e demandas que non existían daquela: a irrupción das novas ondas feministas, a emerxencia climática, a acelerada transformación tecnolóxica ou a evolución dunha globalización que fai urxente ter o control dos nosos recursos para producir aquí, crear industria e desenvolver un estado do benestar merecente de tal nome.

Precisamos pasar a páxina dunha fórmula escrita no pasado. Galiza é un país rico, con enormes recursos e potencialidades que hai que poñer ao servizo do propio país e das maiorías sociais.

Estamos nun tempo de desafíos, de grandes transformacións. E tamén de grandes escollas. Penso que a principal elección que temos que facer é se queremos decidir nós o noso futuro, ou se imos deixar, unha vez máis, que se decida a centos de quilómetros de aquí. Se poñemos a Galiza por diante, ou se van primar os intereses dos que se queren aproveitar de nós. Se temos un proxecto propio ou se o proxecto é administrar o espolio dos nosos recursos e da nosa riqueza. En definitiva, decidir nós ou que outros decidan contra nós.

Teño a certeza de que a clave para superar esta encrucillada histórica é ter poder político, instrumentos económicos, financeiros, fiscais para facerlle fronte aos retos que temos por diante e mellorar a vida das persoas deste país. Para iso hai que actuar en dous planos. No curto prazo, a transferencia de todas as competencias pendentes, despois de 12 anos con cero competencias. O mínimo é esixir que se cumpra o Estatuto 40 anos despois da súa aprobación.

Mais é necesario poñer luces longas, construír unha nova Galiza. Non se trata de simples reformas, senón de grandes transformacións que nos sitúen na vangarda das nacións máis prósperas e xustas. Para iso necesitamos máis ferramentas, un novo status político de nación, que camiñe cara unha nova relación, confederal e republicana, co Estado.

Se collemos o país entre todas nas nosas mans, estou segura de que temos por diante un futuro cheo de ilusión e liberador. No BNG seguiremos traballando sen descanso para facer realidade a Galiza forte, viva, puxante, próspera e igualitaria que queremos.