Conversar

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

23 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe pensaba no moito que me ten axudado a lectura e a escritura durante este ano. No importante que é para min poder meterme nos universos doutros, nas historias dos personaxes que cobran vida a través da literatura. Pensaba no feito de que o ritmo de lectura que collín este ano foi proporcional ao ritmo do meu desasosego, e que se non fora por eses libros, e por esas historias, non sei que tería sido da miña vida interior nunha época tan complexa. Pois, citando a Ugia Pedreira, este «matinar en espiral» constante que me acompaña ás veces axúdame e outras fúndeme no fondo dos meus medos.

Pero, que pasa cando non dás nin lido ?, cando non es capaz de centrarte nin para seguir a trama dunha soa páxina?, cando esas profundidades que temos cada un de nós acaban ocupando toda a nosa existencia? Que podemos facer cando iso pasa?

Sería imposible ter unha resposta universal a esa pregunta, pois cada un de nós é un mundo e, como diría Whitman, «contén multitudes». Aínda así, ás veces, unha pequena experiencia, unha interacción, pode mudar o curso do día... Foi no contexto dunha conversa escrita por WhatsApp, unha desas que comezan cunha soa frase. A miña, «grazas por alegrarme o corazón», era unha resposta á dela (tan simbólica como a miña). E así, case sen querelo, comezamos a intercambiar pensamentos, e pouco a pouco, sen decatarme, funme sentindo mellor.

E logo comecei a pensar nas razóns polas que esa interacción me aportara tanto en tan pouco tempo: ela, que xa ten dabondo co seu, parouse a escoitarme sen me xulgar... Caín nas redes da súa inmensa humanidade, e por un momento, profundamente agradecida, sentinme capaz de coller as rendas do día...