Pasas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Son moitos os que me preguntan polo Julito. Hai tempo que non sae nas columnas do xoves e iso causou certa preocupación entre os coñecidos. Está ben. Moi ben. E máis dende que o vacinaron coa dose de Moderna. Chamoume o outro día para contarme. Pero non puiden ir. Ando ocupado, teletraballando arriba ou teletraballando abaixo, ás horas que a miña cuadrilla está nos bares. E lamenteino. Porque o Julito díxome que a súa vacinación dá para tres ou catro columnas da contraportada. Non sei qué me terá preparado. Pode ser calquera cousa. O Julito é unha caixa de sorpresas. O Rojano, sempre que me ve, fálame duns zapatos de estrea dos que presume o Julio, ou da súa xubilación, ou de nada. É difícil entender ao Rojano e máis cando fala do Julito. Del só teño noticias ou fotos «guasapeadas». Recordo a última comida, cando éramos libres, en Benavente. Nun restaurante de categoría. Fomos a celebrar a chegada do AVE. El dixo que o país debera facerlle unha homenaxe. O que leva traballado o Julito nos túneles non se pode contar con palabras. Un abnegado traballador das vías. Un fenómeno. En Benavente, ratifiqueino. Logo dun óptimo manxar, regado con viño maiúsculo, chegou a hora da sobremesa. O camareiro recomendounos os seus xeados artesanais. Unha delicadeza. Unha gloria. O Julio preguntoulle de que sabor os tiñan. «Los clásicos de vainilla, chocolate, nata, turrón, etcétera, y también algunas novedades”», dixo o do restaurante. «Qué novedades nos traes?», preguntou o Julito en perfecto castelán. «Pasas al ron», dixo o mozo que nos atendía. «Buena idea -respondeu o Julito-, a mí con Cocacola». Eu só puiden mirar ao sorprendido camareiro e engadir: «A mí también, gracias».