Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Os mena e a túa avoa

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Marta Fernández Jara | Europa Press

22 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da súa política de manipulación da verdade e de trumpismo descarado, Vox enche as rúas de Madrid e as redes sociais de todo o mundo cun mentireiro cartel onde nos amosa, por unha banda, a un mena ataviado cunha carapucha e un pano que lle cobre a boca. Sen saber nada do que sexa un menor estranxeiro non acompañado, que iso é o que significa mena, o que vemos nese cartel, non hai que ser experto en semiótica, é a un terrorista, a alguén que practica a kale borroka, un incendiario. Os publicistas da formación de ultradereita non se matan. Van ao fácil. Trátase de meter medo. É así dende os anos 30 do século pasado. Se consegues que a xente teña medo poderás manipulala. O infame cartel vergoñento di o seguinte: «Un mena, 4.700 euros al mes». Calquera persoa non moi atenta o que escoita aí é que o Estado lle dá a cada menor non acompañado eses cartiños para chuches. É mentira, por suposto. No mesmo cartel aparece unha velliña desamparada, cándida, a ollada cara abaixo en actitude de clara humillación (o mena ten a mirada altiva, a dos tolos terroristas perigosos). Ao seu carón, isto: «Tu abuela, 426 euros pensión/mes». Reparen vostedes nese pronome, «tu». A conclusión é que os menas son os culpables de que a túa avoa, non unha avoa calquera senón a túa, cobra a miseria de pensión que cobra por culpa dos menas. Xa se sabe, veñen a España nos caiucos, nas pateiras, porque no fondo lles saen as contas. Aquí teñen un soldazo propio dun xogador de fútbol. Non como a túa pobre avoa, a túa, que morre de noxo por culpa destes nenos e nenas.

O cartel é infame e non hai que pararse moito a analízalo. Sen embargo, si que hai dúas cousas importantes que dicir. En primeiro lugar, que aí está a falarse de nenos e de nenas. Sería importante que non perdésemos iso de vista. Un mena é un, xa o dixen, menor non acompañado, é dicir, un neno ou unha nena que entrou no país irregularmente pero que está só, que non ten a ninguén. O outro día morriamos de amor vendo esa enfermeira que recuperou ese bebé abandonado de tres días. Ese era un menor non acompañado. Os que, vítimas das mafias, xogan a vida para buscar un futuro mellor (que inclúa escola, alimento, xogo, etcétera, o normal para un menor) tamén o son. E en segundo lugar, que hai que pensarse moito, moitísimo, un pacto político cun partido que fai do odio, da mentira e da manipulación interesada o seu sinal de identidade. Porque o mal non é só para os menas. É para o conxunto da sociedade. Para a túa avoa tamén.