Nenos migrantes: dereitos cancelados

Carlos Rosón EN LÍNEA

OPINIÓN

Luis Torres

20 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O sesgo de confirmación é a tendencia a asimilar aquela información que reforza as nosas crenzas, discriminando aquela que as pon en tea de xuízo. Cando falamos de inmigración, ese sesgo é especialmente perigoso, pólvora para discursos de odio que criminalizan o diferente, sustentados en noticias falsas. É falso que o índice de criminalidade sexa maior entre a poboación migrante. É falso que obteñan pagas ou beneficios cando chegan aquí. En cambio, é certa a influencia das estratexias xeopolíticas europeas nos fenómenos migratorios. Lembro que mesmo se chegou a poñer en cuestión a nosa permanencia na Convención de Dereitos da Infancia. Cando falamos de nenas e nenos que migran sós, falamos precisamente diso: de protección á infancia. Algo que debera ser incuestionable.

Migrar causa unha ferida profunda. Tras viviren unha experiencia de enorme dureza, estes nenas e nenos reciben a protección que marca a lexislación internacional. Paradoxicamente, a protección cesa en canto cumpren 18 anos, cando caen nunha situación legal que constitúe, de facto, unha cancelación dos seus dereitos.

É un bucle perverso. Para teren papeis precisan traballar. Pero antes é necesario que alguén os contrate, por 12 meses a xornada completa, despois dunha odisea de trámites que desaniman mesmo ás empresas que queren contratalos. Este bucle vulnera tamén o seu dereito á educación. Deben renunciar ao seu desexo de seguir estudando porque a súa única opción é traballar, do que sexa, se poden.

Nunha profunda crise do mercado de traballo tras a pandemia, este marco legal empurra ós mozos e mozas migrantes á ilegalidade. Temos que ser as ONG quen busquemos estratexias para evitar que acaben sendo discriminados polo mesmo sistema que antes as protexeu. A lei debera ser garante de dereitos. Non da súa vulneración. Pedimos que teñan o mesmo estatus legal que o resto da mocidade e que poidan exercer a súa cidadanía de pleno dereito. Nin máis, nin menos.