Violadores, vítimas e xuíces

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Colón volveu a Haití na segunda viaxe e viu destruído polos nativos o forte construído o ano anterior, atribuíno «al hábito de los castellanos de amancebarse con hasta cuatro mugeres y de apropiarse de las nativas a placer». Que fixo el, ante tal evidencia? Apropiarse dunha mociña nativa e darlla como agasallo ao seu amigo Michele da Cuneo, enrolado como cronista. Cuneo era italiano, pero actuou como español e quixo posuíla de contado. A rapaza defendeuse coas uñas e tivo que amansala coa tralla. Narrouno, fachendoso, e fixo, probablemente, a primeira crónica dunha violación.

Non vale argumentar coa mentalidade da época porque xa as leis de Afonso X, no século XIII, castigaban con pena de morte a violación de mulleres honestas. Iso si, no caso de ser a vítima «muger vil», o violador quedaba exento de culpa. O que non cambiou é a mentalidade do violador e non hai diferenza entre a do italiano Michele da Cuneo e a do chileno Pablo Neruda cando, con 24 anos de idade e sendo diplomático en Ceilán, violou á muller da raza tamil e da casta dos parias que cada mañá acudía ao seu bungaló para recoller no retrete o caldeiro das feces. Certo que o sabemos porque el o contou noutra crónica ­-como expiación, sen dúbida- no libro Confieso que he vivido. Certo que non se pode mostrar maior arrepentemento: «El encuentro fue el de un hombre con una estatua. Permaneció todo el tiempo con sus ojos abiertos, impasible. Hacía bien en despreciarme. No se repitió la experiencia». Pero o Neruda de 24 anos, coma o Cuneo de finais do século XV e o violador actual, sexa cal sexa o seu perfil psicolóxico, violan porque senten que queren e poden facelo. A vítima no importa nada, porque non é nada. Nos últimos anos horrorízannos as violacións de grupos como La Manada, pero tampouco é novidade. Autores italianos do XV e do XVI facían rir aos lectores contando das prostitutas que se doutoraban ao teren relacións sexuais con trinta e un varóns, un detrás de outro; o que se chamaba pasar il trentuno. E Pedro Aretino describe, tamén en narrativa cómica, como «un rabaño de gañáns, galopíns e cociñeiros» violou toda a noite a unha inocente campesiña, ata dárenlle a architrinta e unha.

A Audiencia de Barcelona xulga estes días á Manada de Sabadell, integrada por catro mozos acusados de violar, hai dous anos, a unha rapaza de 18. Os xornalistas coincidiron en sinalar a nula empatía do fiscal coa vítima ­-aínda en tratamento psicolóxico-, que houbo de repetir as partes máis duras do relato da agresión; e responder preguntas incoherentes, desconcertantes e irritantes. Ata a fiscal delegada de violencia de xénero declarou que unha actuación como a do seu compañeiro non debería ocorrer nunca. Porén, o fiscal recoñeceu que o relato da vítima é verídico e crible. Incrible foi a sentenza dun tribunal italiano formado por tres xuízas que, en 2017, absolveu aos violadores dunha rapaza de 22 anos porque «era demasiado fea e masculina». Xa o dicía Quevedo: «Menos mal hacen los delincuentes que un mal juez». E hai xuíces malísimos por soberbios e parvos. E xuízas.