E se Galicia fora zona Zero Covid?

plataforma @libresdecovid Galicia TRIBUNA

OPINIÓN

Brais Lorenzo | Efe

06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dun ano despois do inicio da pandemia, asistimos a un novo aumento da incidencia de casos de covid-19 en Europa, unha «terceira onda» para a maioría dos países, a cuarta para España. Sabemos que nun par de semanas, unha onda de positivos leva a unha onda de casos da enfermidade que ás veces orixinan enfermidade crónica (long covid) e morte. E sabemos que no momento máis alto das ondas máis severas pódese resentir a atención hospitalaria, debido ao colapso das uci, limitando ademais a atención a outras patoloxías. Seguímolo vendo na maioría dos países occidentais, que escolleron unha estratexia de mitigación, de «convivir co coronavirus», dando lugar a estas ondas sucesivas, consecuencia da eliminación das restricións de mobilidade.

Outros países tomaron inmediatamente medidas para deter a circulación do virus, cunha estratexia de eliminación ou supresión, o que moitos chaman una estratexia «Zero Covid». É a que os científicos demandan para toda Europa.

O Zero covid inclúe un conxunto de medidas proactivas para a máxima supresión de SARS-CoV-2 mantendo a incidencia baixa, evitando así ondas e medidas restritivas. Para un axeitado rastrexo e freo das cadeas de transmisión e? desexable manter unha incidencia de 10-25 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días. Utiliza un sistema de sema?foros que divide o territorio en zonas verdes, laranxas e vermellas segundo o nivel de incidencia. Nas zonas verdes (nivel de incidencia próximo a cero) as restricións desaparecen. Converterse nunha zona verde Zero Covid supón un regreso á normalidade duradeiro, sen infeccións nin mortes, pero tamén sen restricións. Os científicos consideran que é a estratexia que hai que seguir se realmente queremos «salvar a economía».

Galicia ocupa unha posición xeográfica privilexiada para actuar con antelación e previr as consecuencias da pandemia. Actuando de xeito proactivo, anticipando as accións necesarias, evitaramos enfermidades e mortes.

Os asinantes, galegos simpatizantes da plataforma @libresdecovid, piden á Xunta de Galicia e ao Goberno de España que convertan a Galicia nunha zona verde Zero Covid, aproveitando a baixa incidencia actual, liderando o comezo do control real de a pandemia en España, contando como aliados cos nosos territorios limítrofes, especialmente Portugal, cunha incidencia moi baixa na actualidade. É necesario fortalecer e modernizar os sistemas de saúde publica dotándoos de persoal e medios para que o seguimento sexa eficiente, promovendo o rápido illamento dos casos positivos e dos seus contactos, con apoio económico, asistencial e psicolóxico.

As medidas de control do virus son moito máis sinxelas na actualidade grazas aos avances científicos. Temos vacinas que, ademais de reducir os efectos da enfermidade, baixan os contaxios. E grazas a que sabemos que a principal vía de contaxio son os aerosois, podemos limitar de forma moi eficaz a propagación do virus mediante o uso de máscaras ben axustadas, favorecendo a ventilación dos locais e promovendo actividades ao aire libre. Será necesario un maior control fronteirizo para evitar a importación de casos.

Un paso moi importante no Zero Covid é acadar a confianza dos cidadáns, a través dun debate político, científico e profesional. A nosa plataforma @libresdecovid quere colaborar para facilitar o diálogo cos cidadáns, sen cuxa colaboración non existe un control posible da pandemia. É posible evitar que a cuarta onda golpee Galicia. É o momento. Non hai que esperar á próxima onda ou á seguinte pandemia.

Asinantes: Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva da USC; Carlos Spuch, membro do CIBER de Salud Mental e da Sociedad Española de Psiquiatría Biológica; Saúl Ares, epidemiólogo, investigador principal en CNB-CSIC; Rosendo Bugarín, membro do Consejo de Bioética de Galicia; José Manuel Fandiño, coordinador de Urgencias do Chuac; María Jesús Díaz Candamio, médica especialista en Radioloxía no Chuac e membro da Junta directiva de la SERME (Sociedad Española de Radiología Musculoesquelética); José Venancio Salcines Cristal, director xeral do Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e presidente da Escuela de Finanzas de A Coruña; Guillermo Aldama, médico especialista en Medicina Interna no Hospital Universitario de A Coruña; Miguel Díaz Fuentes, anestesiólogo no hospital Virgen de la Candelaria de Santa Cruz de Tenerife; Luis Vázquez Mourín, médico especialista en análises clínicas, máster en Seguridad Clínica del Paciente y Calidad Asistencial; e Álvaro Mena de Cea, médico especialista en Medicina Interna no Hospital Universitario A Coruña.