España dentro e fóra das Españas


Fai 40 anos o actual Estatuto de Galicia, co do País Vasco son os únicos nunca reformados. Neste tempo do chamado desafío catalán, no que o unitarismo español antiautonomista procura recentralizar sen lei e, de ter oportunidade, intentaría cambiar a Carta Magna para rematar cos poderes autónomos das nacionalidades constitucionais, non está de máis ollar en perspectiva a aportación histórica dos nacionalismos litorais de Galeuzka á construción da moderna democracia nas Españas, como a chamaban os iberistas. Non hai leis históricas, pero ninguén pode negar unha constante do Estado español contemporáneo: todas as ondas de avance democrático estiveron ligadas a solucións na cuestión territorial. Na República Federal, na Mancomunitat cando a Restauración virou en apertura obrigada, na República segunda ou na democracia actual. O contrario cumpriuse tamén sempre.

No percorrido non está de máis lembrar aquel velliño académico de la lengua que saía na TVE dos anos sesenta para nos adoutrinar, aquel si, sen pin nin pan do que botar man. José María Pemán, un dos creadores da idea de anti-España coa que definir á vez aos demócratas, aos autonomistas e aos laicos. Inventárano na primeira ditadura do século pasado, á que serviu con fervor na creación dun partido único que fracasou porque o pluralismo constitucionalista e a mobilización obrigaron á renuncia do ditador e, pouco despois, nas primeiras eleccións -con errada intención, unhas municipais- do monarca avalista. Corenta anos dunha segunda ditadura deron para asentar as ideas daquel pioneiro totalitario de entreguerras, ideas que agora parecen reverdecer para interpretar por exemplo unha forma obrigada e unitaria de convivir á forza e sen respecto democrático pola diferenza, non a histórica, senón a cultural e política.

Non está demais lembrar como cataláns, vascos e galegos, por medio dos seus partidos nacionais, contribuíron a soster e traballar pola democracia española. Primeiro apoiando á República na longa guerra contra os fascismos (de 1936 a 1945), despois apoiando no Goberno de Giral a preparar dende París a volta a unha España democrática, respectuosa co dereito de autodeterminación, no fragor da creación da ONU. Reforzaron a cooperación cos partidos democráticos españois na longa noite da ditadura e en 1977 fixeron parte da comisión do sete que negociou co ultimo Goberno franquista a saída das eleccións democráticas -xerais, non máis erros municipais-. Explica Ramón Villares no seu último libro, Exilio republicano y pluralismo nacional, como aqueles galeuskanos exiliados, e algún socialista castelán (Anselmo Carretero), lograron empalmar a lexitimidade da República e a da Constitución actual. Un asunto maior. Seguramente non o lerán no actual Goberno murciano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

España dentro e fóra das Españas