«A peste»

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

José Luis Cereijido

17 mar 2021 . Actualizado a las 14:19 h.

Nestes tempos é recomendable ler A Peste, de Albert Camus. Non son o primeiro en dicilo pero, logo dun ano de andazo, teimo no mesmo. Moito do que nos pasa está nas páxinas desta obra mestra de 1947, baseada na epidemia que sufriu a cidade de Orán un século antes. Hoxe, como daquela, collido de diferentes pasaxes do libro, pode escribirse: A sorpresa dos primeiros tempos transformouse pouco a pouco en pánico. Os nosos concidadáns pensaban que aínda todo era posible para eles, dando por suposto que as pragas eran imposibles. Continuaban facendo negocios, planeando viaxes e tendo opinións. As medidas non eran draconianas e parecían ter sacrificado moito ao desexo de non provocar inquedanza na opinión pública. Os casos non eran aínda significativos para resultar alarmantes. Avanza o andazo? Non, e mesmo a curva das estatísticas sube máis amodo.

A única medida que pareceu impresionar a todos os habitantes foi o toque de queda. O que pasaba era que os medios de loita contra a peste eran insuficientes. Fáltanos material, dicía. Os enfermos morrían separados das familias e estaban prohibidos os velorios. Podíase ver aos máis intelixentes facendo como que buscaban, igual que todo o mundo, nos xornais e as emisións de radio, razóns para crer nunha rápida fin da peste, para concibir esperanzas quiméricas ou experimentar temores sen fundamento diante da lectura de certas consideracións que calquera xornalista escribira ao azar.

Descubriron daquela ata que punto estaban cansos. En realidade os homes dos equipos sanitarios non lograban xa dixerir o cansazo. A corentena, que ao comezo non fora máis que unha simple formalidade foi organizada dun xeito moi estrito. Esixiron particularmente que os membros dunha familia fosen illados uns doutros. Para o xuíz non había máis lugar que o campo de illamento: dixo que a regra era unha soa para todos e que era xusto obedecer. Logo estaban os que querían fuxir.

Moitos dos vaticinios baseábanse en cálculos caprichosos. Outros establecían comparacións coas grandes pestes da historia. O gráfico dos progresos da peste coa súa subida incesante e despois unha meseta, parecíalle reconfortante, pero nada se podía probar, pois a historia dos andazos sinala imprevistos abrollos. O contaxio parecía ser agora máis perigoso con esta nova forma de andazo. Cada quen leva en si mesmo a peste, porque ninguén, ninguén no mundo esta libre dela.

Hai demasiado tempo que dura isto. Todo o mundo estaba de acordo en crer que as comodidades da vida pasada non se recuperarían nun intre. É certo que van erguer un monumento aos mortos da peste? Era sabido. Haberá discursos. Moitos concidadáns cederían á tentación de esaxerar o papel que representaron. Pero o cronista está máis ben tentado a crer que dando demasiada importancia ás boas accións tribútase unha homenaxe indirecta e poderosa ao mal. Dáse a entender dese xeito que as boas accións só teñen valor porque son escasas e que a maldade e a indiferenza son motores moito máis frecuentes nos actos dos homes. Que quere dicir a peste? É a vida, máis nada. Algo se aprende no medio das pragas: que hai nos homes máis cousas dignas de admiración que de desprezo.