O de Madrid

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Marta Fernández Jara

10 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A capital de España ten, con diferenza, os peores datos de todo o Estado. O de Madrid parece resumirse en: manifestacións feministas, non; bares e copas, si. Co de Madrid refírome, claro está, ás decisións das autoridades na xestión da pandemia, non aos madrileños e madrileñas que as viven. Pode ser reducionista de máis este resume, pero é a síntese dun ano de goberno do andazo que ten que ver, como sempre acontece en democracia, coas decisións das autoridades políticas, coa alta Administración, coa conformación da opinión pública e publicada, coa acción da sociedade civil e tamén, como vén de acontecer, coa acción dos tribunais de xustiza.

Nesta crise, a abundancia de datos e o exceso de información impiden ver o bosque. Farta un pouco escoitar nos noticiarios das televisións estatais as novas diarias sobre a covid, seguindo sempre o mesmo guión: primeiro dan os datos por comunidades, despois amosan as terrazas e bares de Madrid, de seguido escoitamos as sentenciosas declaracións de Ayuso e Almeida, tan hábiles no márketing da comunicación como incompetentes protexendo as vidas dos cidadáns.

Por moito que ás veces os gobernantes tendan a agocharse nas comisións técnicas de expertos ou a xogar ás escondidiñas entre eles, a xestión da pandemia é política en primeira e última instancia. Non podía nin debería ser doutro xeito, e así o escribín nestas páxinas cando isto comezou hai un ano. Pido desculpas pola autocita, sempre inelegante. O de Madrid deixa claro o carácter estritamente político da xestión deste ano da peste. Son tempos de balanzo e cómpre facelo con tino. Despois dun ano, os datos desa provincia bateron todos os récords, en negativo: xunta os peores datos absolutos e relativos. Os casos totais de contaxios rexistrados en Madrid superan en dous puntos os que lle corresponderían en función do que a súa poboación significa no Estado, pero é que o número de mortos por covid supera en catro puntos esa proporción: 20 % dos finados para unha poboación que representa o 14 % do total español. Ningún factor de corrección estatístico pode minguar este dato, ningunha razón política pode xustificalo.

As autoridades madrileñas optaron e seguen optando pola apertura máxima de horarios, actividades e perímetros, insisten en non parar a súa economía do lecer, a outra nunca parou en ningures dende abril pasado. Esta desproporción no número de finados é a consecuencia. O que move a política é a ideoloxía, por máis que uns a exhiban e outros a agochen. A conclusión é que a ideoloxía que move esta política merece unha revisión a fondo. Non é unha conclusión apresurada. Un ano é tempo dabondo. Cabodano.