Saúde mental: sentidiño si, pero con cabeciña

Yolanda Castro

OPINIÓN

07 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O último CIS alertaba do alto impacto psicolóxico da pandemia e mencionaba emocións como a tristura ou o medo, moi lóxicas neste contexto. Hai que ser prudentes, porque o malestar que case todos sentimos é comprensible despois dun período tan duro. Estar tristes, cansos, incluso enfadados, é normal e non supón a pandemia da saúde mental, senón que son reaccións que cabe esperar.

O que acende as nosas alarmas como profesionais da psicoloxía son as persoas que si precisan axuda especializada, que xa tiñan problemas de saúde mental antes da covid e outras que os desenvolverán, especialmente aquelas en situación de maior vulnerabilidade e que deben ter garantida a atención psicolóxica na sanidade pública. Grupos como as persoas maiores, adolescentes, sanitarios, quen perdeu o emprego etc., requiren actuacións específicas polo seu maior risco.

Hai anos que vimos denunciado as fraquezas da atención á saúde mental no Sergas. En xullo puxemos as nosas esperanzas no agardado Plan de Saúde Mental, co apelido «post-covid». En cambio, a folla de ruta presentada foi precipitada, sen consensuar nin dimensionar ás necesidades da prepandemia; menos aínda ás «post».

Seguro que vostede, coma min, ten problemas na súa vida cotiá, e a solución non é a súa medicalización. Pero teño a impresión de que a estratexia sanitaria é a de anestesiar o sufrimento emocional derivado das situacións de crise social, económica e laboral, como xa pasou no 2008. Galicia é líder en consumo de psicofármacos no conxunto do Estado (moi elevado tamén na infancia e adolescencia), presenta a maior taxa de suicidio xunto con Asturias, mentres que conta con case a metade de psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes (3,7) con respecto á taxa estatal (6).

A solución é simple, porque investir en saúde mental non precisa caras tecnoloxías: require persoal, especialistas en psicoloxía clínica que eviten as obscenas listas de espera de meses, que atendan na Atención Primaria os problemas psicolóxicos nos estadios máis temperáns e evitar a súa cronificación ou agravamento; que participemos na toma de decisións nos órganos do Sergas a través de servizos propios de psicoloxía clínica. Moito máis custoso resultan as baixas laborais por saúde mental, a terceira causa de incapacidade en frecuencia e a máis duradeira.

A Consellería de Sanidade pediunos sentidiño para coidarnos nesta pandemia, pero nós tamén pedimos cabeciña á hora de xestionar os recursos para que os problemas de saúde mental estean ben atendidos na nosa sanidade.

Yolanda Castro é presidenta da Asociación Psicólogos Clínicos do Sergas