Wenceslao esquecido


O próximo centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán está a celebrarse desde hai meses; o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal deixounos libros espléndidos; a Rosalía de Castro homenaxeámola cada 24 de febreiro; de Wenceslao Fernández Flórez, nado o 11 deste mes, en 1885, lembrámonos raras veces.

Por que un novelista e xornalista de tanto talento, autor de novelas e artigos que poden figurar na máis esixente antoloxía do humor universal, está condenado ao inferno do esquecemento? A resposta é sinxela: «Porque era un facha e un franquista». É opinión tan arraigada na esquerda que o Goberno bipartito retirou a subvención á Fundación W. Fernández Flórez. Ninguén se preguntou como pode ser facha quen nos seus libros se manifesta anticapitalista, antimilitarista e ateo. Así o vexo eu e vírono autores tan alleos ao franquismo como Fernando Díaz Plaja: «Fue un escritor que socavó sucesivamente y con el arma del humor, que hacía más penetrante su mensaje, todas las bases ideológicas de la derecha española de entonces. Es decir, la Monarquía, la Iglesia, la Aristocracia, la Banca, el Capitalismo, la Moral tradicional y, lo que era mucho más grave, el sentido reverencial hacia la Patria y el Ejército». Ou Fernando Haro Tecglen: «Fue una derecha muy curiosa; escribía como la izquierda más aguerrida».

Wenceslao recibiu a República con ilusión, como tantos outros intelectuais, e non tardou en desencantarse. En 1934 escribía con visión profética: «Entre todos vais a destrozar España. Estáis bruscamente cortados en bloques, sin contacto, y os odiáis los unos a los otros dentro de la irreductibilidad de vuestras posiciones. (…) De un momento a otro terminará cerrándose a puñetazos o a tiros cada español con el español que tenga a su lado en una trapatiesta más irreductible e inevitable».

Franquista fíxose en 1936, cando milicianos republicanos foron buscalo para darlle «o paseo» e tivo que refuxiarse na embaixada de Holanda e fuxir a Portugal. Porén, nunca renegou da súa militancia no galeguismo, máis ou menos afervoada e evidente segundo as circunstancias. En 1922, cando Francesc Maciá creou o partido independentista Estat Catalá, Torcuato Luca de Tena, director do ABC, citouno en Barcelona para que escribise unha serie de entrevistas de carácter antiseparatista. «No puedo hacerlo -respondeulle Wenceslao-. Yo soy gallego y separatista también. No puedo traicionar mis ideales». Non menos sorprendente foi o comentario do director: «Perfectamente, Wenceslao. Lo encuentro muy natural. Quédese una semana en el hotel; tome este dinero y diviértase en Barcelona. Es una ciudad magnífica».

En 1945, no discurso de ingreso na Academia, afirmou que Galicia «es la región donde surgen más escritores humoristas», pero non deu nomes porque non podía mentar ao seu admiradísimo Castelao. A política rompera a amizade, pero na fundación consérvase o manuscrito da conferencia Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura, que Castelao lle regalara. Falta a portada coa dedicatoria. Wenceslao repartía o medo entre os vencedores, «os seus», que non lle deixaban escribir; e os vencidos fuxidos ao monte.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos
Comentarios

Wenceslao esquecido