Trámites telemáticos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

12 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos na era dixital. Todo o que se poida debe facerse por teléfono e Internet, incluso as consultas médicas. Así, sen que nos vexan. Eu, que son de mercar os libros en papel, o xornal tamén... entendo a situación que vivimos e o que debemos facer.

Dito isto, deberan poñernos as cousas máis sinxelas.

Para catro facturas que teño ao ano debo pagar un asesor para que me presente os papeis porque teño tanto medo a facelo mal que non quero arriscarme a que me caia unha multa desas coas que xa me teñen ameazado algunha vez.

As sancións deben enviarse automaticamente de maneira telemática e en canto detectan un erro... plum! Alá sae a comunicación, nunha linguaxe xurídica-administrativa que me custa un mundo descifrar.

Non, non, non. Desde o primeiro susto pago a un asesor que o faga todo.

Pero quixera lembrarlles que eles tampouco son perfectos. Lía hai uns días que un rapaz, para obter un certificado da sede electrónica do Ministerio de Xustiza, tivo que renderse á prehistoria e facer o trámite presencial. Leva un Ñ no apelido e... a páxina non o recoñece. Manda truco!

Pero é que eu, para Facenda, hai anos que son Maria. Non María. Maria. Sen acento. O peor non é iso, o peor foi o mal que o pasei ata decatarme de cal era o problema para non recoñecerme na súa base de datos. Que se me pasaba o prazo e, xa saben, multa!

Daquela, podo alegar? Podo reclamar? Podo estar exenta de pagar os impostos?

Para Facenda non existo. Eu son María, non Maria! Ou é que as esixencias só as poden pedir eles?