Vacinar aos parias

OPINIÓN

Siphiwe Sibeko | Reuters

08 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo lembrar que había un himno onde se falaba dos parias da Terra; eu quero acordarme dalgúns deles para falar da covid-19, que tanto sufrimento está causando en todo o mundo, con 105 millóns de casos diagnosticados e máis de 2,5 millóns de mortos a principios de febreiro. Un colectivo especialmente desprotexido é o dos refuxiados, 80 millóns de persoas segundo o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR). Se xa hai polémicas e leas en Europa pola chegada das vacinas das diferentes empresas farmacéuticas, que pasará cos refuxiados, nun 86 % acollidos en países con sistemas de sanidade fráxiles? Quen os vacinará?

 

Os países de acollida contarán co apoio de ACNUR, integrado en COVAX, unha iniciativa da OMS, a Fundación Gates, a alianza GAVI, a coalición CEPI e outras axencias, que pretende distribuír a través de Unicef (líder mundial de inmunización) 2.000 millóns de vacinas durante o ano 2021, un obxectivo quimérico aos ritmos actuais, que comprende retos tais como a compra de 70.000 frigoríficos.

O único país que comezou, que se saiba, a aplicar vacinas anti-covid a estas persoas é Xordania, que acolle -cifras oficiais- a 750.000 refuxiados iraquís, sirios e palestinos.

Unha boa noticia é a aprobación, no Consello de Ministros do pasado 19 de xaneiro, do Plan de Acceso Universal das vacinas contra a covid-19, un bonito plan... que non ten recursos económicos asignados. España ten achegado a COVAX 50 millóns, e 75 millóns a CEPI, cifras moi modestas para o tamaño da sua economía e o seu papel na esfera internacional. Lembremos, así mesmo, que España se ten negado, en coordinación coa UE, a apoiar a proposta de India e Sudáfrica na OMC de suspender as patentes de fármacos anti-covid-19.

España ten un compromiso específico cos refuxiados saharauís que (mal)viven en Tinduf (Alxeria). Un compromiso moral, pero tamén xurídico, pois o noso país é, segundo a ONU, a potencia administradora desta colonia, da que proceden as cento e pico mil persoas (o número exacto é un secreto militar) que alí residen.

Finalmente apuntar, e isto é un orgullo para Galicia, que a empresa Biofabri, radicada no Porriño, asinou un acordo con CEPI-COVAX para envasar 500 millóns de doses de vacinas dalgúns dos fabricantes -xa hai 10- que asinaron acordos con esta plataforma. Veremos.