Foi o día da Candeloria e, como cada 2 de febreiro, lembro a meu avó apuntándonos que esta é a data na que casan os paxariños. Lémbroo con especial cariño e pregúntome por que se deixa de contar á rapazada este tipo de cousas. Tanto cambiaron os tempos? Deixamos de ilusionarnos polas mesmas cousas? Non o creo. Teño unha amiga que ten de foto de perfil do WhatsApp un ovo cocido aberto no que se ven dúas xemas. Na casa causou sensación e, desde que o viron, as miñas pequenas non fan máis que manterse expectantes cando abrimos ovos por ver se a nós tamén nos toca algún, que para iso nos deron unha ducia dos que puxo a mesma pita. Esta imaxe tamén me traslada á infancia. Cando abriamos ovos así había festa.
A esencia da vida non pode ter mudado tanto. O avance e o progreso non implica deixar atrás as tradicións, os ditos, o saber. A miña filla maior está lendo algún dos libros que foron meus. As historias provocan unha reacción idéntica á de hai 35 anos. Rimos nos mesmos parágrafos, cremos na mesma fantasía, deixámonos arrastrar polas mesmas palabras.
Non podo evitar pensar no que deixamos polo camiño, no que non contamos e o motivo de non facelo. Camiñamos ás carreiras sen deternos no importante, que é, ao mesmo tempo, o insignificante. Creamos na festa dos paxariños, acheguémonos ao que fomos, pois é parte do que somos. Para ascender hai que apoiarse no banzo anterior.