Responsábel, quen?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Sandra Alonso

05 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha incidencia acumulada de 900 casos, arredor de 300 diarios en Galicia e uns 350 mortos, sería conveniente deixar de insultar con ese mantra de que somos uns irresponsábeis. Eu, que non son unha iletrada, non entendo como miden esa implicación co ben común que significa a abstracción de «cumprir as normas» se estas son prolixas, absurdas e acusatorias. O responsabilímetro gárdase en mans dadas de máis a utilizalo á discreción.

Despois da romanticallada estúpida de «salvar o Nadal» permitíndosenos facer legalmente o que a razón non recomendaba, Feijoo rifounos coma se non cumprísemos as súas contradicións. Logo veu o bucle para parvos sobre o toque de queda: as 10 podían ser as 8, pero non as 6 que finalmente foron despois de tres semanas de matraca fake. Agora, a partir das 6 podemos mercar tabaco pero non libros, e ir á misa pero non ao teatro. As non iletradas sabemos que hai ideoloxía nas excepcións (puro e rezo) e que o responsabilímetro está escorado cara a quen se lle pide que viva anormalmente para que todo sexa normal, culpándonos (esenciais os confesionarios, oian) de enfermar e morrer só para amolar a políticos e tertulianos, os únicos intelixentes e responsábeis desta pandemia.

O legal non sempre é lexítimo, e, se a responsabilidade é de quen non pode decidir, que a ninguén lle estrañe que lles retiremos aos xestores a lexitimidade para xestionar. Os expertos chámanlle a iso fatiga pandémica, pero é só a resposta ás escusas dos mal pagadores pouco dispostos a asumir as súas propias responsabilidades.

Sei o que lle rolda a vostede: eu faríao mellor? Pois si, porque o meu estatus non depende dos votos. Pero tranquilos: polo xeral, os mortos non votan.