Zinc versus litio

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

04 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas noticias recentes en La Voz chaman a atención en materia de ciencia aplicada e tecnoloxía. A primeira é a concesión dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación a María Giménez para facer unha proba de concepto das baterías de zinc-aire. A segunda, a posta en produción por Castrosúa de carrocerías para buses de propulsión eléctrica. Cómpre sentirse ben cando vemos como iniciativas que marcan futuro inmediato se desenvolven nunha Galicia hoxe a perder oportunidades de industria avanzada, coma a da fabricación de compoñentes para xeradores eólicos.

 

Xa nas páxinas de Opinión deste xornal se ten abordado ás veces a «guerra do litio», cuxo mineral concéntrase en zonas ben marcadas nos mapas do globo en canto o zinc se espalla máis pola súa superficie. As baterías de litio -cuxa demanda disparou a pandemia- non se necesitan só para dispositivos de telecomunicación ou para os patinetes e os coches híbridos, ben visibles, senón para moito máis: vehículos con motores potentes, reguladores das redes intelixentes de enerxía, transceptores a instalar en cada aparello que acceda á Internet das Cousas... Alegrémonos de que sexa unha científica da USC quen estea a abrir camiño no eido da acumulación de electricidade: falando de demanda, hai moita de ciencia e tecnoloxía femininas.