Hai escasamente 15 días recibín unha primeira dose dunha das vacinas de ARN mensaxeiro fronte ao Sars-CoV-2. O plan galego de vacinación indica que os oncólogos atendemos pacientes de alto risco na pandemia covid-19, e somos persoal de primeira liña do grupo 2 de vacinación establecido. E isto xusto? Debo vacinarme eu antes que a radióloga que fai as ecografías dos pacientes oncolóxicos, incluso antes que a cirurxiá que os opera? Seguro que é discutible, pero no momento no que estamos temos que establecer criterios e priorizar de xeito transparente, baseando as decisións tanto no coñecemento científico dispoñible coma nos valores e principios éticos da nosa sociedade.
O contexto actual da campaña de vacinación está condicionado por tres elementos principais: o crecemento exponencial das infeccións; a explosiva presión sobre todo o sistema sanitario; e un número de vacinas insuficiente, ao que se engade, nas últimas horas, o anuncio do atraso das entregas de doses á UE por parte das empresas farmacéuticas produtoras das mesmas.
Entre todos os principios éticos involucrados na priorización da vacinación, dous son os máis relevantes: equidade e reciprocidade. O principio de equidade require ter en conta as vulnerabilidades, desigualdades, riscos e necesidades dos grupos que están en peor situación, e que no momento actual son as persoas maiores que residen en residencias (grupo 1).
O principio de reciprocidade require protexer do covid a aqueles que soportan riscos significativos e cargas adicionais porque se dedican a salvagardar a saúde dos demais. Este principio xustifica o acceso prioritario aos escasos recursos das persoas que arriscan a súa propia saúde para combater a pandemia, entre os que destacan os traballadores sanitarios máis expostos á enfermidade (grupo 2).
A priorización da distribución das vacinas require dunha avaliación e aprobación exhaustiva baseada nas evidencias científicas dispoñibles en cada momento, recoñecer valores éticos clave, aportar información completa e transparente, evitar a arbitrariedade e castigar duramente a corrupción na súa distribución, garantindo que a priorización na vacinación sexa xusta e percibida como tal. En calquera caso, débese esixir non só confianza, senón tamén solidariedade para comprender que no contexto epidemiolóxico actual todos os esforzos deben centrarse nos que poden ver a súa saúde máis afectada e perder a vida ao infectarse.
Para acabar, non debemos esquecer que aínda que a OMS asinou en abril do 2020 un compromiso de cara a asegurar un acceso global xusto a «diagnósticos, tratamentos e vacinas seguras, de calidade, eficaces e accesibles», as barreiras para os países con ingresos baixos inclúen a imposibilidade de permitirse vacinas e recursos adecuados para realizar campañas de vacinación. Polo que debemos recoñecer o privilexio que supón que teñamos acceso, aínda que sexa lento e escalonado, ás vacinas contra o covid.