O comenzo do fin

Antón Acevedo Prado EN LIÑA

OPINIÓN

Marcos Míguez

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando todo isto pase, poderemos contarlles aos nosos fillos e netos dous fitos históricos que vivimos nestes meses. O primeiro, o xeito no que a primeira pandemia da nosa xeración cambiou para sempre o funcionamento do mundo. O segundo, a maneira na que a ciencia logrou desenvolver unha vacina fronte ao SARS-CoV-2 nun tempo récord. Esta rapidez non é motivo de sospeita, senón unha boa razón para estarmos orgullosos e unha mostra de todo o que a humanidade pode lograr a través da cooperación, do investimento público-privado en investigación científica e do intercambio leal de información.

Nestas semanas coñecéronse algúns casos de persoas que contraeran o virus despois de recibir a primeira dose. Loxicamente, estes primeiros e moi sonados «gromos post-vacina» estanse a dar nas residencias de maiores, que foron os centros polos que se comezou a inmunización. Pero non: tampouco é este o argumento definitivo contra a vacina que están buscando algúns colectivos, afortunadamente moi minoritarios. A evidencia científica coa que contamos ata este momento xa sinala que, para ser totalmente efectiva, deben pasar sete días desde a dispensación da segunda dose.

Que haxa que esperar uns días ata que a vacina se traduza nunha inmunización completa ou que a efectividade non chegue a ser do 100 % non é motivo de preocupación nin é un atributo exclusivo do preparado de Pfizer/BioNTech, senón que caracteriza boa parte das vacinas coas que estamos máis familiarizados, como as da gripe que boa parte da poboación se pon cada ano.

Mentres escribo estas liñas e mentres vostede as le, equipos de enfermería da Xunta de Galicia están a percorrer toda a nosa xeografía, desde Ortigueira ata O Bolo e desde Guntín ata Vigo, para completar a pauta vacinal de toda a poboación das residencias. É o comezo do fin dun dos acontecementos máis descorazonadores da pandemia: os gromos nos centros de persoas maiores. Nas próximas semanas, grazas á ciencia e ao compromiso dos profesionais sanitarios e sociosanitarios, os residentes volverán á placidez que gozaban antes destes meses de preocupación, nervios e medo.

Coa tan desexada inmunidade colectiva cada vez máis cerca, debemos seguir sendo responsables ata o final. É necesario que nos sigamos protexendo ao máximo e protexendo aos que nos rodean, con esas tres medidas de autoprotección que xa fomos interiorizando ao longo desta pandemia: hixiene de mans, máscara e distancia social.