A estupidez en grao máximo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos que deixar de adorar o famoseo sen límite. Non vale todo o que fan. Debemos recoñecerlle os méritos, medíndoos coa mesma escala que apliquemos os os demais.

O da Pedroche en coiros facendo que meditaba no medio da neve, aproveitando que Filomena convertía ao centro de España en punto de mira... é dunha estupidez extrema. Por certo, en coiros tamén se pode dicir «en porrancho». E, non me digan por que, a min paréceme que lle acae mellor.

Que é unha rapaza que se fixo a si mesma? Non o dubido. Ten o seu mérito. Pero o de sacar a devandita foto é unha parvada soberana, miremos por onde o miremos, e punto. Como lle escribiu unha médica nunha rede social, non nos satures o sistema sanitario. Ou o que é o mesmo, ten cabeciña.

E non foi a única!

Tamén hai uns días daba cun artigo (de hai xa anos) no que se loaba que Mark Zuckerberg usase sempre roupa case idéntica. Dese xeito podía levar unha vida máis sinxela e tomar a menor cantidade de decisións posibles.

Podo asegurar que hai moita xente que viste case sempre igual porque non quere pensar. As miradas de reprobación perséguenos. A eles, que teñen a mente cansa e desganada. Pode tratarse de xente sen traballo, saúde, ou motivos suficientes para sorrir... Persoas que sofren e que, con todo, conseguen sobrevivir. Todo un mérito.

Deixemos de dar importancia ás babecadas, de fabricar ídolos, e miremos con agarimo á veciñanza. Coidado en despistarnos moito e deixarnos ir á deriva nesta frivolidade, pois pode inundarnos a imbecilidade.