2021-2022, tempo para un anhelo

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

A cidade culta e a cidade da cultura.
A cidade culta e a cidade da cultura. X. ESTÉVEZ

16 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A apertura da Porta Santa inaugurou un ano esperado. Foi unha cerimonia litúrxica sobria, con ofrendas e respostas cultas e ponderadas, na que a mensaxe papal coa cita de Antonio Machado reverberou baixo as bóvedas da catedral dos camiños.

Unha catedral que vai culminar un longo proceso de restauración e rehabilitación, amparado nunha reflexión patrimonial de fondo calado. Porque a basílica xacobea e o Ano Santo non teñen un exclusivo alcance relixioso. Detrás hai un corpus espiritual e cultural ecuménico e multisecular que se pode compartir con calquera forma de pensamento.

O Xacobeo é a visión laica promovida pola Xunta para toda Galicia, e desde Galicia para o mundo enteiro. Cómpre recoñecer ese esforzo ao longo do tempo aínda que, como é natural, haberá opinión diversas sobre o seu programa.

Bótase de menos á administración do Estado. En períodos anteriores implicouse activamente, desde o primeiro goberno de Felipe González e os ministros Solana e Borrell, mediante a acción de persoas como Emilio Pérez Touriño e a inesquecible Pilar Navarro, que apoiaron decididamente o programa Compostela 93-99 e a capitalidade cultural europea do 2000.

Supoño que o Concello está a elaborar o seu proxecto cultural para o dobre xubileu 2021-2022, porque sen iso o facho esvaece e Compostela pode quedar reducida a un espazo simbólico ou á oportunidade para unha foto de viaxe. As relación institucionais sempre foro boas, que menos na capital autonómica, pero a Xunta non ten a obriga de asumir o proxecto urbano, aínda que está a desenvolver actuacións no ámbito dos camiños.

O Real Patronato, coas tres administracións, a Universidade e a Igrexa baixo o patrocinio da Coroa, reunirase cando o Consorcio dispoña dun plan, e nese momento aparecerán os recursos. A monarquía, como institución, foi e ten que seguir sendo fundamental na promoción de Santiago e de Galicia.

Teño escrito que a cidade culta, a histórica, estendida ao seu perímetro verde, está apagándose, necesita un impulso ilusionante. Namentres, a Cidade da Cultura ilumínase polo 10º aniversario para satisfacción xeral en tempos de pandemia, pero non sería bo que, no fondo, compitan e non cooperen. É un dilema que pode confluír nun proxecto común que active todos os vectores: auditorios, orquestras, fundacións, museos e galerías, teatros e cines, centros cívicos, recintos de lecer,… implicando creadores, artistas, pensadores, docentes, científicos, cidadáns de Galicia e dos cinco continentes. Dous anos para realizar desde Compostela un anhelo necesario.