Frío

OPINIÓN

Servicio Ilustrado (Automático)

13 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días a neve ofrece capas de ilusión para moitos nenos, e non tan nenos, que fican abraiados diante desas folerpas que se pousan paseniño sobre as cousas borrando a paisaxe até a converter en algo moito máis luminoso. Hai algo romántico na neve que toca a infancia e nos fai esquecer o frío que adoita vir aparellado a outros problemas como pode ser a falta de previsión ou a indiferenza diante desas persoas sen teito que morren entre cartóns, mentres nós, sentados nunha terraza, embozados nunha bufanda grosa, tomamos un café quente e analizamos a actualidade, preguntándonos como é posible que un tipo tan ignorante, machista, ridículo, mesquiño, ordinario, macarra, xenófobo, soberbio e brután puido chegar a dirixir un país que sempre ergueu con orgullo a bandeira da liberdade e da democracia. Como podemos aceptar case con humor esas escenas tan vergonzosas no Capitolio que, se non fose pola violencia, poderían encadrar en calquera dos nosos entroidos. Non, non estamos na periferia do mundo. Nin hai democracia consolidada dabondo para pensar que esteamos a salvo dese odio construído a base de mentiras. Nós tamén o temos na casa e se queremos que esa política testosterónica e vulgar perda o seu atractivo haberá que obrigala a participar en debates públicos onde haxa que argumentar. Se lle facemos fronte con máis odio, aí perdemos, porque nos achegaremos á imaxe do seu desexo. Con Trump non desaparece o perigo. Nos efectos devastadores desta nova crise xerada pola pandemia, o populismo global seguro que botará as redes na desesperación de moita xente e, por moi esgotador que sexa, a democracia temos que a defender día a día. Non podemos quedar a mirar como caen as folerpas sen nos decatarmos de que baixo a capa de neve fica tamén o frío.